Skip to main content

A xornalista Luisa Vila defende a profesionalización para pór en valor a comunicación de fonte

A xornalista Luisa Vila defende a profesionalización para pór en valor a comunicación de fonte
A xornalista Luisa Vila defende a profesionalización para pór en valor a comunicación de fonte
Na súa tese de doutoramento ‘A comunicación institucional nos concellos galegos’

Visibilizar e pór en valor a comunicación de fonte desde a óptica da profesionalización foi a aposta de Mª Luísa Vila Núñez na súa tese de doutoramento ‘A comunicación institucional nos concellos galegos’ que, dirixida por Luis Celeiro Álvarez, acadou esta semana a máxima cualificación, apto cum laude. O tribunal que avaliou a tese estivo presidido polo catedrático da Complutense Jesús Timoteo Álvarez e tivo como vogais á catedrática da Universidade Autónoma de Barcelona, Rosario de Mateo Pérez, á profesora da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid Consuelo López Vila e ao profesor da USC Francisco Campos Freire. Actuou como secretario o catedrático da USC Xosé López García A doutora partía da preocupación por “tomar consciencia, cada vez máis, da necesidade de definicións que require a comunicación de fonte e, en concreto, a que se enmarca nas entidades públicas locais”. Para iso, e coa finalidade de adquirir coñecementos sobre a base da traxectoria profesional, enquisouse de maneira pioneira todos os concellos galegos, obtendo resposta de 307 dos 315 existentes. Segundo queda patente no estudo, a pesar da crecente significación da comunicación institucional, só 53 concellos galegos posúen gabinete ou departamento de comunicación, o que representa o 17,3% do total. E se ben manifestan non contar cos necesarios recursos humanos si o fan cos recursos técnicos, algo facilitado pola plena implantación das novas tecnoloxías da comunicación. Mais esta escaseza de responsables de comunicación nos concellos non evita que a súa consideración sexa positiva, entendendo que outorga transparencia, achegamento aos cidadáns e incremento de prestixio da institución, apunta a investigadora. Do exhaustivo estudo, e para lograr unha correcta planificación da estratexia de comunicación dos concellos, Luisa Vila entende necesaria a profesionalización “para afastarse do intrusismo e lograr un exercicio ético” ao tempo que recomenda que os responsables de comunicación das organizacións teñan unha formación específica nesa materia.

The contents of this page were updated on 07.18.2012.