Unha investigación da EPS permite coñecer o estado nutricional dos piñeiros a través das súas agullas
A Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo desenvolve desde o ano 2006 unha liña de investigación cuxa finalidade é a de estudar o estado nutritivo das plantacións de piñeiro do país (Pinus pinaster) a través da lonxevidade das agullas e os seus contidos en nutrientes, como baremo para o cálculo da produtividade desta especie forestal. Ao mesmo tempo, o estudo permite obter información adicional sobre a biomasa do arume, o que se relaciona cos riscos de incendios, o control da vexetación do subpiso ou a súa capacidade fotosintética. Para o traballo de campo os investigadores dispoñen de dúas redes de parcelas situadas nas catro provincias galegas. Son en total 52 terreos (descontando os que xa se foron cortando), que se localizan polo xeral en montes veciñais en man común, tanto en áreas costeiras como en piñeirais do interior de Galicia. O grupo de investigación, dirixido polo catedrático de Produción Vexetal Roque Rodríguez Soalleiro, utiliza como comparación os datos de medición obtidos polos investigadores Salvador Bará e Gabriel Toval nos anos setenta e oitenta do século pasado. Parámetros de medición As agullas seleccionadas para o estudo son obxecto de todo tipo de medicións, desde lonxitude, anchura, espesor e peso ata variables de lonxevidade dentro de cada clase, pasando pola análise das concentracións de macro e micronutrientes: nitróxeno, fósforo, calcio, magnesio, potasio, xofre, ferro, boro, manganeso, cobre e cinc. Estas variables relaciónanse con outras do arborado e do solo, así como co material xeolóxico de partida. “Cada unha das variables ten un protocolo distinto de medición. No caso concreto das agullas, tómanse mostras da parte alta da copa, empregando pértegas ou escadas. As agullas clasifícanse en función da súa idade, tomando en conta a posición nos verticilos da póla. Mídense en laboratorio a lonxitude e peso con calibres e balanzas, contabilízanse os rastros foliares, que indican a presenza pasada de agullas xa caídas, as mostras de agulla sécanse e móense para a súa posterior análise co autoanalizador TRUSPEC ou ICP-OES (segundo o elemento) nos servizos centrais de investigación do campus, o RIAIDT”, explica Roque Rodríguez. Deste modo obtense a relación entre o crecemento avaliado en termos de madeira e o estado nutritivo das árbores, así como indicacións dos procesos ecolóxicos básicos de reciclado de nutrientes e recuperación de biomasa foliar, valores de superficie foliar específica ou índices de área foliar. Este último ten relación coa biomasa de matogueira baixo o piñeiral, e polo tanto co risco de iniciación de lumes. Aplicacións do estudo Segundo Roque Rodríguez, “a utilidade é directa para a xestión dos piñeirais, xa que se ten constatado un estado nutritivo con carencias de certos elementos, así como unha implicación directa da nutrición en potasio na produtividade das plantacións. Os resultados achegan información relevante sobre a selección de especies que se deben plantar nunha determinada zona (piñeiro do país, radiata, de Oregón ou outras alternativas), as necesidades de fertilización nas masas forestais ou as limitacións na extracción de biomasa, para garantir un equilibrio de nutrientes”. A grande cantidade de datos recollidos (variables estudadas, número de parcelas, árbores, agullas...) obriga a un tratamento informatizado da información, para o que se dispón dunha aplicación estatística específica. Valor comercial Aínda que tradicionalmente o arume se empregaba como material para a compostaxe, na actualidade a súa utilidade limítase ao papel que desenvolve como indicador da capacidade fotosintética, á súa contribución á reciclaxe de nutrientes cando se desprenden e caen ao chan ou a súa relación co perigo de incendios forestais, ao ser un compoñente da biomasa que modifica rapidamente a súa humidade en función da meteoroloxía. Polo tanto, o aproveitamento económico destas plantacións de piñeiro céntrase na comercialización da súa madeira. Ademais de Roque Rodríguez Soalleiro, participaron na investigación a doutoranda Cristina Eimil, así como Federico Sánchez e Esperanza Álvarez. As análises de nutrientes foron feitas por Montserrat Gómez e Verónica Piñeiro, do cadro de persoal do RIAIDT. Medición das agullas con calibre Aparato de Espectroscopía de Emisión Óptica de Plasma Acoplado Indutivamente (ICP-OES) do RIAIDT, empregado no estudo
