Skip to main content

O 2º Foro Nanovalor reunirá a expertos internacionais na procura de retos e oportunidades empresariais arredor da nanotecnoloxía

O prazo de preinscrición remata o 10 de xullo

A Universidade de Santiago de Compostela, xunto a outros centros de investigación galegos e portugueses, organizan o 2º Foro Nanovalor sobre ‘Retos e oportunidades empresariais da Nanotecnoloxía’ co propósito fundamental de crear un espazo de debate sobre as posibilidades de negocio e transferencia á industria da Nanotecnoloxía. É unha actividade enmarcada dentro do Proxecto NANOVALOR, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, cuxo obxectivo é a creación dun Polo de Competitividade para a promoción dun maior coñecemento das capacidades de institucións e empresas no ámbito da Nanotecnoloxía. Neste proxecto participan ademais da USC, entre outros, a Universidade do Porto, o International Iberian Nanotechnology Laboratory, a Universidade do Minho, FEUGA e AIMEN. A xornada divulgará as posibles aplicacións industriais da nanotecnoloxía en sectores tan dispares como son a biomedicina, os novos materiais, as tecnoloxías da información ou as comunicacións, entre outros. Como sinalan os expertos, nestes momentos de crise económica, a nanotecnoloxía pode xogar un papel relevante no incremento da competitividade das empresas, xa que os seus múltiples e variados usos, poden servir como modernizador do tecido produtivo. Aínda que as súas aplicacións son evidentes, contan cun hándicap notable no gran descoñecemento que dende o mundo da empresa existe sobre esta tecnoloxía emerxente O evento proposto pola USC ten dúas partes ben diferenciadas: unha divulgativa, onde tanto investigadores como empresas exporán as súas experiencias no uso das nanotecnoloxías e, no caso destas últimas, como se ten traducido nunha mellora tanto dos procesos como dos produtos e, por tanto, na modernización e internacionalización do seu negocio. A segunda parte estará máis orientada cara ao debate entre aqueles actores que directa ou indirectamente poidan achegar fórmulas para facer máis accesible esta tecnoloxía ao público en xeral e a empresas con potencial para a súa utilización. Todas as persoas interesadas en participar deberán remitir o boletín de inscrición antes do 10 de Xullo de 2012 a proyectosinnovacion [at] feuga.es (proyectosinnovacion[at]feuga[dot]es). O programa do Foro e o boletín de inscrición poden consultarse en liña.

The contents of this page were updated on 07.04.2012.