Dous investigadores da USC participan activamente na conferencia internacional máis importante da Física de Partículas

A conferencia internacional máis importante no eido da Física de Partículas reunirá a expertos de todo o mundo entre este mércores 4 e o próximo día 11 de xullo en Melbourne na 36th International Conference on High Energy Physics (ICHEP 2012). No congreso participarán activamente dous investigadores da USC, Carlos Salgado e Abraham Gallas. Considerado o máis destacado encontro de investigadores en Física de Partículas, na edición desta ano está previsto que se realice un anuncio importante relativo á busca do bosón de Higgs, que se realizará a través dunha retransmisión dende o CERN. Para anunciar descubrimentos, os experimentos teñen que ter atopado un exceso de sinal de máis de 5 sigmas, que significa unha probabilidade de erro desprezable ao ser equivalente a tirar unha moeda ao aire e que saia 20 veces seguidas a mesma cara. Carlos Salgado, recoñecido na convocatoria do programa Starting Grants, é o encargado da sesión sobre ións pesados, ademais de ofrecer unha das conferencias plenarias o martes 10 sobre ‘ Heavy Ions Theory’, intervención na que presentará un resumo do estado da descrición teórica das colisións de núcleos atómicos pesados e as enerxías do LHC. O LHC ten un programa de colisións protón-protón, onde o obxectivo fundamental é a busca do bosón de Higgs, así como un programa de colisións de núcleos atómicos. Neste último, no que o investigador centrará a súa conferencia, o obxectivo fundamental é a produción e caracterización dun novo estado da materia, o plasma de quarks e gluóns, no que se atopaba todo o Universo uns microsegundos (millonésimas de segundo) despois do Big Bang. Os quarks e gluóns, normalmente confinados dentro dos protóns e neutróns, neste novo estado son liberados formando un material moi denso e de altísima temperatura, con rexistros varios centos de miles de veces maiores cas do centro do Sol. Este material é tan denso que os jets (chorros) de partículas a altísima enerxía que se producen nos primeiros instantes da colisión, non poden atravesar o medio e son suprimidos. Esta supresión, así como outras moitas medidas diferentes, proporcionan a información necesaria para caracterizar as propiedades deste medio. Como explicou Carlos Salgado, unha desas propiedades é a súa baixísima viscosidade, a máis baixa coñecida, que proba segundo o investigador que o medio que poboaba todo o Universo primixenio é un líquido ideal. LHCb Pola súa banda, Abraham Gallas, investigador Ramón y Cajal do Departamento de Física de Partículas da USC, presentará en Australia resultados relativos ao traballo do experimento LHCb, no que é project leader do Silicon Tracker, un dos sub-detectores deste experimento. Este é un preciso instrumento cuxo custo supera os catro millóns de euros e onde participan a Escola Politécnica Federal de Lausanne xunto coas universidades de Zurich, Heidelberg e Santiago de Compostela. O seu cometido é a busca de novas partículas máis aló do Modelo Estándar, a teoría que describe as partículas fundamentais e as súas interaccións. A intervención de Abraham Gallas ten que ver co estudo de conversións entre quarks do mesmo tipo con emisión de dous muóns, que so son posibles no Modelo Estándar a través de efectos que involucra na chamada polarización do baleiro. Son, por tanto, moi sensibles á Nova Física, explica o investigador, e capaces de detectar no baleiro a presenza de novas partículas pesadas como as preditas en Supersimetría. Abraham Gallas foi o designado polo experimento LHCb para presentar estes resultados que, polo momento, confirman as predicións do Modelo Estándar. Segundo o físico compostelán, o LHCb pode ser nos vindeiros anos un experimento moi efectivo para dilucidar se o escenario previsto pola Supersimetría é correcto, especialmente no caso de que se confirme a sinal anunciada por ATLAS e CMS dun bosón de Higgs lixeiro.