A Facultade de Veterinaria de Lugo acollerá en novembro o III Congreso Ibérico do Lobo
A Facultade de Veterinaria de Lugo será a sede do III Congreso Ibérico do Lobo, que se celebrará entre os días 23 e 25 de novembro organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio e en cuxo comité científico participan os profesores da USC Luís Eusebio Fidalgo Álvarez e Ana López Beceiro. As outras dúas edicións deste encontro tiveron lugar nos anos 1997 e 2005. O congreso ten como fin “congregar a todos os investigadores e xestores de España e Portugal que traballan co lobo ibérico, para poñer en común os últimos avances realizados na xestión, investigación e conservación desta especie”, explican os organizadores. Investigadores, técnicos e persoal da Administración, representantes de entidades gobernamentais e organizacións sen ánimo de lucro vinculadas ao lobo ibérico están convidadas a participar neste foro, ben sexa como asistentes ou como relatores. O prazo de presentación de relatorios para o congreso permanece aberto ata o próximo 31 de agosto, e o comité organizador establece tres categorías para os traballos presentados: ecoloxía e bioloxía, xestión e conservación e relacións entre o lobo e o ser humano.