Skip to main content

Unha mostra fotográfica en Fonseca busca romper cos estereotipos das prácticas arqueolóxicas

A inauguración tivo lugar este martes no Colexio de Fonseca
A inauguración tivo lugar este martes no Colexio de Fonseca
A exposición itinerante ‘Traballar en arqueoloxía’ poderase visitar ata o 16 de setembro

A Universidade de Santiago colabora co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na exposición fotográfica itinerante ‘Traballar en arqueoloxía’ que inauguraron este martes no Colexio de Fonseca o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o director do Incipit, Felipe Criado; e o responsable do CISC en Galicia, Eduardo Pardo. A exposición, que forma parte do proxecto de investigación ‘Arqueoloxía na Europa Contemporánea (2007-2012)’ financiado polo Programa Cultura da Unión Europea, consta de 30 fotografías de Pierre Buch, reputado fotógrafo belga especialista en fotografía artística e documental do patrimonio cultural e arqueolóxico que plasmou o traballo cotián dos arqueólogos dos países europeos que participan no proxecto. Trátase, por tanto, dunha mostra en torno á arqueoloxía na Europa actual que abarca todas as dimensións das prácticas arqueolóxicas (escavación, rexistro, análise…) e que busca romper as imaxes clásicas e os estereotipos da arqueoloxía tradicional. “Un percorrido pola exposición axuda a comprender cómo as principais misións da arqueoloxía, incrementar o coñecemento do pasado e transmitir os seus valores ao gran público, están totalmente interconectadas cos desafíos sociais, económicos e políticos do mundo en el que vivimos”, explica Elena Cabrejas, comisaria da exposición en España. ‘Arqueoloxía na Europa Contemporánea (2007-2012)’ chega a Compostela logo de percorrer desde novembro de 2011 16 cidades entre as que figuran París, Bruxelas, Nova York, Leiden ou Tesalónica. Este mes exhibirase ademais en Poznan (Polonia), Amberes (Bélxica) e Borgoña (Francia). A exposición permanecerá aberta ao público ata o 16 de setembro. De entrada gratuíta, o horario de visitas é de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. A exposición consta de 30 fotografías de Pierre Buch

The contents of this page were updated on 09.04.2012.