A USC renova o seu compromiso de traballo conxunto coa Deputación Provincial de Lugo, Caixa Rural Galega e a CEL
O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolleu o acto de sinatura para a renovación do convenio de colaboración entre a USC, a Deputación Provincial de Lugo, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). No acto tomaron parte o reitor da USC, Juan Casares; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero; e o conselleiro executivo da CEL, Jesús Quintá García. Deste xeito amplíase un ano máis o compromiso de colaboración entre estas entidades, que se mantén desde 1995, cando se puxo en marcha como xeito de establecer un servizo que relacionase as demandas específicas en materia de investigación en xeral (e de investigación aplicada en particular) no marco do Campus de Lugo. Froito deste convenio inicial foi a creación do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica (CITT) de Lugo, unidade que desde entón se encarga do desenvolvemento das liñas de acción derivadas do acordo. Juan Casares puxo de relevo na súa intervención a importancia de que entidades e institucións “se involucren na actividade investigadora da USC mediante a achega de recursos ou de apoio institucional e técnico, pois deste xeito afiánzase o compromiso da sociedade coa universidade, e tamén da universidade coa sociedade, beneficiaria en última instancia do noso labor investigador”. Casares destacou así mesmo que nos últimos anos os investigadores do Campus de Lugo captaron un total de 18 millóns de euros para o desenvolvemento dos seus proxectos. Unha aposta polo labor en común Algúns dos obxectivos que se perseguen ao abeiro deste convenio son a organización de actividades de difusión da innovación, a interrelación entre os distintos axentes (académicos, económicos e sociais) e a súa conexión efectiva en materia de investigación. As entidades asinantes pretenden deste xeito establecer as pontes necesarias entre os ámbitos académico, institucional e económico para que a sociedade no seu conxunto se beneficie dos logros acadados polos seus axentes en investigación e na innovación. As dotacións económicas achegadas por Caixa Rural Galega e a Deputación Provincial de Lugo servirán para a posta en marcha das diferentes liñas de actuación por parte da USC, que é responsable da dotación de persoal, locais, materiais e gastos correntes do CITT. Finalmente, a CEL contribúe ao proxecto facilitando a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación entre os seus membros, así como a través da colaboración na busca de socios empresariais para participar en proxectos conxuntos. Unha comisión de seguimento composta por representantes de todas as entidades asinantes velará, como nos anos anteriores, polo cumprimento das previsións que se recollen no convenio.