Skip to main content

Trece linguas e exames oficiais para convalidar coñecementos, a oferta académica do Centro de Linguas Modernas da USC

De esquerda a dereita, Katerina Vlasakova, Víctor Millet e Irene Rivas
De esquerda a dereita, Katerina Vlasakova, Víctor Millet e Irene Rivas
Este ano incorpora por vez primeira durante o curso a aprendizaxe de lingua de signos

Catalán, checo, chinés, español para estranxeiros, galego para non galegofalantes, portugués, ruso, xaponés, alemán, francés, inglés, italiano... O Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago de Compostela abriu este luns a matrícula do seu programa de cursos para o ano que comeza, que inclúe por vez primeira a lingua de signos na súa oferta académica habitual. Todas as persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da que xa posúan coñecementos previos mais non teñan o nivel asignado polo CLM terán que facer unha proba de nivelación os días 10 ou 18 de setembro. Ata o 13 de setembro poden inscribirse nela a través da páxina web do CLM. O único requisito para tomar parte nestes cursos é ter 16 anos de idade. O prazo de matrícula para os de iniciación que non necesitan a proba de nivel comeza o 3 de setembro e remata o 21 de setembro. Como todos os anos, membros da comunidade universitaria da USC pagarán un prezo reducido. Os cursos En concreto, no Campus de Santiago están previstos cursos cuadrimestrais de 40 horas presenciais (e 10 de traballo titorizado) de catalán, checo, chinés, portugués, ruso e xaponés, ademais de dous de lingua de signos, e en Lugo semipresenciais de inglés. Os anuais de 80 horas presenciais e de 20 horas de traballo titorizado de alemán, francés e inglés serán impartidos en ambos os dous campus, coa oferta de italiano tamén en Santiago. Ademais, o alumnado terá á súa disposición unha nova edición dos cursos semestrais de galego para non galegofalantes e de intensivos e cuadrimestrais de español para estranxeiros. Así mesmo, impartirase un curso semipresencial de preparación para os exames de catalán do Instituto Ramón Llull. Como lembrou este martes a directora do CLM, Katerina Vlasakova, o estudantado que aprobe un curso de nivel B1 segundo o Marco de Referencia Común para as Linguas terá acreditado o coñecemento dunha lingua estranxeira, “requisito imprescindible para rematar os estudos de Grao ou realizar a matrícula no Master”. Quen aprobe un curso de nivel B2 do MCER terá acreditado ese nivel e poderán recibir créditos transversais para os seus estudos de Grao. Centro examinador Ademais dos cursos ao longo do ano, o CLM organiza en colaboración con entidades de prestixio internacional (Goethe Institut, Instituto Cervantes, Japan Foundation e Università per Stranieri di Siena) varios exames de diferentes linguas estranxeiras así como as probas de acreditación do nivel B1.

As linguas ofertadas, as modalidades de cursos e o proceso de matrícula explicáronas en rolda de prensa este martes 4 o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Victor Millet, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova, acompañados pola profesora de lingua de signos, Irene Rivas.

The contents of this page were updated on 09.04.2012.