Skip to main content

Comeza no Campus de Lugo a cuarta edición do máster en Enxeñería da Madeira Estrutural

O xoves 6 celébrase a xornada inaugural deste curso de posgrao, o único do panorama universitario español centrado no uso da madeira como material de construción

O xoves día 6 inaugúrase a cuarta edición do Máster en Enxeñería da Madeira Estrutural que vén desenvolvendo nos últimos anos a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da USC, con grande éxito de alumnado. Este posgrao, o único das universidades españolas centrado nas posibilidades da madeira como material de construción, vai dirixido a enxeñeiros e arquitectos (así como titulados ou profesionais de calquera outro ámbito) que queiran completar a súa formación “nun material que logo de pasar a un plano secundario durante o século pasado, está a converterse no elemento de construción máis representativo do século XXI, polo valor engadido que proporciona: calidez, beleza, resistencia, nobreza... E pola redución da contaminación e do impacto ambiental que supón o seu uso”, segundo Manuel Guaita, director do Pemade e coordinador do máster. Nesta edición Confemadera Galicia posibilita co seu apoio económico a viabilidade deste máster propio da USC, de carácter semipresencial e cunha duración de 500 horas distribuídas en 15 módulos con materias que van desde o coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira ou a realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e pontes de madeira. Arredor de 60 docentes tanto da USC como doutras universidades, da Administración ou do ámbito empresarial compoñen o cadro de profesores do máster. Durante o curso, cuxas clases se desenvolverán os xoves, venres e sábados, están programadas visitas a obras e empresas relacionadas coa industria da madeira. Nesta cuarta edición, e por primeira vez, contémplase a posibilidade de impartir a distancia parte das clases, co fin de evitar os desprazamentos dos alumnos procedentes doutras comunidades. Xornada inaugural O día 6 a partir das 16.00 horas terá lugar o comezo oficial do curso no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. Ademais da recepción e a entrega de documentación aos novos alumnos, esta xornada inaugural inclúe dous relatorios: un primeiro sobre a produción de madeira en Galicia, a cargo do catedrático de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro; e outro do arquitecto Enrique Nuere que leva por título ‘Onte e hoxe da madeira’. Entre ambas as intervencións, ás 17.30 horas terá lugar o acto oficial de inauguración, coa presenza de representantes das entidades organizadoras do máster. O máster en Enxeñería da Madeira Estrutural dispón aínda de prazas libres para os alumnos interesados en inscribirse nunha formación destas características.

The contents of this page were updated on 09.05.2012.