Skip to main content

A USC dedica un curso de verán ao papel do Arquivo Histórico Provincial de Lugo como fonte documental sobre o mundo rural

A USC dedica un curso de verán ao papel do Arquivo Histórico Provincial de Lugo como fonte documental sobre o mundo rural
A USC dedica un curso de verán ao papel do Arquivo Histórico Provincial de Lugo como fonte documental sobre o mundo rural
A actividade desenvolverase os días 6 e 7 de setembro na sede do Arquivo na capital lucense

O curso da USC Unha aproximación ás fontes documentais do AHPL: a súa aplicación para o estudo do mundo rural analizará a importancia do Arquivo Histórico Provincial de Lugo para a comprensión do mundo rural galego e o seu percorrido a través do tempo, a través dos documentos nel depositados. A actividade desenvolverase os días 6 e 7 de setembro na sede do Arquivo na capital lucense, e está dirixida polo profesor da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez, mentres que a responsable da secretaría é a tamén profesora da USC Ana Cabana Iglesia. “A nosa idea é abordar os contidos desde unha perspectiva eminentemente práctica, a través do debate e o intercambio de coñecementos e experiencias entre os relatores e os participantes”, explica o director do curso, para quen o obxectivo final “é mostrar que estes documentos, máis alá do seu valor histórico, teñen tamén un interese práctico en cuestións coma preitos, prácticas agrarias e forestais, ordenación do territorio ou dereito sucesorio, e que a súa vixencia en moitos casos chega ata os nosos días”. As 25 prazas ás que, por razóns de espazo, se limitou a matrícula quedaron cubertas aos poucos días de abrirse o prazo de inscrición, cun perfil de alumnado que vai desde os estudantes de Humanidades ou Formación do Profesorado a outros procedentes do ámbito legal ou das enxeñerías e outras carreiras técnicas. A sesión do día 6 ábrese cun relatorio sobre o proceso de creación do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, a cargo da súa directora, María Dolores Pereira Oliveira, que se complementa coa intervención de María Asunción Díaz Bernárdez sobre os fondos que se gardan no edificio. A continuación Gonzalo Fernández Suárez falará a continuación sobre a documentación agroforestal do Antigo Réxime (ss. XVI-XVIII) no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, mentres que Ana Cabana Iglesia intervirá para presentar a súa charla ‘De papeis e labregos. Fontes para o estudo do mundo rural galego contemporáneo’, máis centrada no século XIX. A xornada do día 7 comeza co relatorio ‘A documentación histórica: soporte da pervivencia do monte común en Galicia’, por parte do investigador Gregorio Casado González. O estudo de casos dos catastros do século XX como fonte para o estudo das construcións rurais tradicionais será o tema que desenvolverá na súa intervención o profesor da USC Juan Ortiz. O curso péchase coa conferencia que leva por título ‘Ratas de arquivo. Luces e sombras na relación entre arquivos, arquiveiros e historiadores’, impartida polo profesor da USC Xosé Ramón Veiga Alonso.

The contents of this page were updated on 09.05.2012.