Skip to main content

A Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo abre o período de inscrición para os seus talleres de arte dramática

Unha escena da representación de , a última creación da Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo
Unha escena da representación de , a última creación da Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo
As clases comezan o 3 de outubro e van dirixidas tanto a persoas sen experiencia teatral como a aquelas que xa tiveran contacto coa actividade escénica

A Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, abre o mércores 19 o período de inscrición nos dous talleres de arte dramática que se ofertan para este curso. Os interesados poden dirixirse á Área de Cultura da USC no Campus de Lugo, situada no edificio da Vicerreitoría de Coordinación de Planificación (tfnos.: 982 821 510 – 982 821 513). Un primeiro taller está destinado ás persoas que se acheguen por primeira vez ao teatro ou que, tendo experiencia teatral, queiran adquirir formación teórica e práctica no relativo ao adestramento dos actores e actrices e ao mesmo tempo acadar unha maior presenza escénica. O curso comeza o 3 de outubro e esténdese ata o 28 de novembro, os luns e mércores de 19.30 a 21.00 horas, na Aula de Teatro da Facultade de Veterinaria. O segundo taller vai dirixido ás persoas que xa tiveran un contacto previo coa Compañía da USC ou que teñan experiencia previa noutras formacións teatrais. Neste caso o labor docente irá dirixido a afondar nas calidades específicas do traballo en escena: preparación física e vocal, capacidade creativa, busca de materiais para a elaboración dun personaxe, partitura, intervención, performance ou montaxe. O curso impartirase os mesmos días que o taller de iniciación, en horario de 21.00 a 22.30 horas. Preparación da próxima estrea Ao remate dos talleres, durante o mes de decembro comezará o traballo de preparación da nova oferta dramática da Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo. Esta terceira actividade (impartida, como as anteriores, por Paloma Lugilde) está pensada para os alumnos do segundo taller de arte dramática, así como para os alumnos do taller de iniciación que o profesorado estime capacitados para participar nun proxecto teatral. Neste caso o horario será os luns e os mércores de 20.00 a 23.00 horas. Todos os aspectos relacionados cunha montaxe, desde a preparación física e vocal dos actores ao desenvolvemento do proceso creativo, pasando polo labor de documentación, os ensaios, o vestiario ou cuestións técnicas como son, imaxe e iluminación forman parte deste terceiro curso, durante o cal se irá perfilando a nova oferta teatral da compañía, coa que a partir do mes de abril percorrerá os escenarios.

The contents of this page were updated on 09.18.2012.