Skip to main content

Un encontro internacional en Ciencias Políticas reflexiona sobre as relacións entre cultura e crise

A decana da Facultade de Ciencias Políticas, Nieves Lagares, e o recentemente elixido presidente do CIPPCE, Arturo Casas, inauguraron o encontro
A decana da Facultade de Ciencias Políticas, Nieves Lagares, e o recentemente elixido presidente do CIPPCE, Arturo Casas, inauguraron o encontro

Organizado polo Centro de Investigación en Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes da USC (CIPPCE), o II Simposio Internacional ‘ Cultura e Crise’ desenvólvese este xoves 25 e o venres 26 na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Tras a celebración do primeiro encontro ‘Cultura e migración’ en outubro de 2011, os grupos que integran o CIPPCE pretenden agora impulsar un espazo de reflexión sobre as relacións entre a cultura e a crise. Co conxunto de intervencións programadas, os/as promotores/as desta iniciativa tentan atopar respecta a cuestións como se a crise da cultura pode devir nunha cultura da crise, qué valores se poden recoñecer nas novas formas culturais xurdidas como resultado da actual situación económica global, están a retornar as prácticas artísticas comprometidas?, ou en qué sentido a actual conxuntura económica mudou o escenario das políticas culturais contemporáneas. A resposta a estas interrogantes permitirá trazar un punto de partida neste simposio internacional. Este segundo simposio inaugurouse este xoves 25 nun acto no que participaron a decana da Facultade anfitrioa, Nieves Lagares, e o recentemente elixido presidente do CIPPCE, Arturo Casas. A continuación, a profesora María Xosé Rodríguez Galdo moderou un coloquio sobre as leccións da historia na cultura da crise no que participaron ademais Fausto Dopico, Pilar Freire e Xosé Cordero. Seguiulle a conferencia da profesora Susana Araújo, da Universidade de Lisboa, titulada ‘ Krisis e Securitas: O tempo e a cultura de (In)seguridade’. ‘Proxectos culturais para a dinamización da Costa da Morte: panorámica e avaliación’ foi o último dos coloquios da mañá que, moderado por Juan Luis Pintos, contou coa participación de Nieves Herrero e Manuel Vilar. Xa pola tarde César Domínguez, Isabel Domínguez, Carla Figueiras, Susana Justo e Marco Paone debaten sobre a cuestión ‘(Des)Territorialización, memoria e crise cultural’, e deseguido fan o mesmo Manuela Palacios, Margarita Estévez Saá, Teresa Pérez Tilve e Marta Portela Fernández sobre ‘ Narrativas europeas da crise: Irlanda’ Xornada do venres Na segunda e última sesión do simposio analizarase en varios coloquios a poesía crónica, como afecta a crise á literatura e á ensinanza-aprendizaxe de linguas e o auxe do dixital e cómo se constrúe a realidade da crise a través de datos de internet dos últimos catro anos. Ademais, Margarita García Candeira, da Universidade de Huelva, falará sobre ‘Crise e despoxamento na poesía última de Jorge Riechmann’; Helena Miguélez Carballeira, da Universidade de Bangor, sobre ‘Canto custa manter un baleiro: usos da cultura galega (2009-2012)’; e, por último, Felipe Aliaga Sáez sobre o imaxinario social da integración dos inmigrantes en tempos de crise.

The contents of this page were updated on 10.25.2012.