A Área de Cultura do Campus de Lugo pon en marcha unha nova edición do seu curso de fotografía

A Área de Cultura da USC no Campus de Lugo organiza un novo curso a través do seu Espazo de Fotografía, para o que xa está aberto o prazo de inscrición. A actividade será impartida polo fotógrafo lucense Eduardo Ochoa, e desenvolverase os martes e xoves de 19.00 a 21.30 horas entre o 23 de outubro e o 20 de decembro, cun total de 40 horas de duración. As clases terán lugar na aula XXV Aniversario e no Laboratorio de Fotografía da Facultade de Veterinaria. Entre os temas que se tratarán ao longo do curso figuran o soporte fotográfico (impacto, calidade técnica, composición, mensaxe...), a cámara fotográfica (profundidade de campo, apertura de diafragma, velocidade de obturación, sensibilidade...), unha introdución ao laboratorio (características da película fotográfica e técnicas de positivado) e un percorrido polos grandes fotográficos da historia. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 19 de outubro, e os interesados en participar no curso poden dirixirse á Área de Cultura da USC no Campus de Lugo (Pazo de Montenegro, 2º andar – Praciña da Universidade) ou ao teléfono 982 821 513. A actividade ten un prezo de 60 euros para os membros da comunidade universitaria e de 120 euros para os demais participantes.