A cuarta edición do ciclo de formacións de cámara da Real Filharmonía de Galicia comeza a vindeira semana no Paraninfo da Universidade
O Paraninfo da Universidade de Santiago (sito na Facultade de Xeografía e Historia) acollerá os vindeiros meses tres concertos de formacións de cámara da Real Filharmonía de Galicia. A programación desta cuarta edición do ciclo foi presentada este mércores polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, en San Xerome. O ciclo está organizado pola USC e o Consorcio de Santiago e conta co patrocinio da Deputación da Coruña. A entrada aos concertos, todos ás 20:30 horas, é libre ata completar o aforo. A primeira das actuacións terá lugar o luns 4 de abril, cunha interpretación das ‘Variacións Golberg’ de J.S. Bach, con arranxo de Dimitri Sitkovetski, por parte da violinista Elina Viksne, o viola Timur Sadykov e a violonchelista Barbara Switalska. O segundo dos concerto será o luns 9 de maio. O violinista Michal Ryczel, a viola Anne Schlossmacher, o contrabaixo Oriol Xicart e o frautista Laurent Blaiteau intepretarán pezas de Beethoven, Gliére, Schulhoff e Proto. O ciclo concluirá o 6 de xuño co ‘Souvenir de Florence’ de Tchaikovski a cargo das violinistas Anca Smeu e Irina Gruia; dos violas Timur Sadykov e Behrang Rassekhi e dos violonchelistas Barbara Switalska e Thomas Piel.