Skip to main content

Tres sopranos protagonizan o quinto concerto do ciclo de novos intérpretes

Interpretarán unha selección de arias e dúos de óperas de Mozart, Haendel, Rossini, Donizetti, Puccini e Verdi

O quinto concerto do ciclo de novos intérpretes da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza estará dedicado ao canto e á lírica da man de tres novas sopranos residentes en Galicia, Eduvigis Sánchez, Liliana Dias Nogueira e Tabea Barbara, acompañadas por Alejo Amoedo ao piano. A cita é o próximo luns 7 ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade. As protagonistas son Eduvigis Sánchez Díaz, soprano de orixe canaria de 26 anos que reside en Vigo onde é alumna de Teresa Novoa no Conservatorio Superior de Música; Liliana Dias Nogueira, soprano portuguesa de 28 anos e residente en Vigo onde compaxina a súa actividade como cantante coa docencia e como directora do Coro de Santa María de Salceda de Caselas en Porriño; e Tabea Barbara Graser, soprano de 18 anos que realiza actualmente o grao medio de canto no Conservatorio Profesional de Música de Lugo con Diana Somkhieva, profesora das tres cantantes.

No concerto interpretarán unha ampla selección de arias e dúos de óperas de Mozart, Haendel, Rossini, Donizetti, Puccini e Verdi. No concerto estarán arroupadas por un dos pianistas galegos con maior experiencia no acompañamento de cantantes, Alejo Amoedo. Este pianista natural de Redondela atesoura unha dilatada experiencia con cantantes e na música de cámara, xa sexa en concertos ou en gravacións. Dende hai vinte anos compaxina a actividade concertística coa docencia e actualmente exerce como pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

The contents of this page were updated on 02.04.2011.