Skip to main content

O reitor da USC reivindica a necesidade de priorizar ás persoas como o activo máis valioso da Universidade

O reitor Juan Casares presidiu o acto celebrado en Veterinaria
O reitor Juan Casares presidiu o acto celebrado en Veterinaria
Segundo puxo de manifesto na súa intervención no acto académico de San Tomé de Aquino celebrado na Facultade de Veterinaria de Lugo

A posición da USC entre as principais universidades do mundo “non é froito da casualidade”, senón “dun espírito de esforzo e sacrificio das persoas que constitúen a comunidade universitaria”, indicou o reitor Juan Casares no peche do discurso pronunciado este venres 28 na Facultade de Veterinaria onde se desenvolveu o acto académico organizado co gallo do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino. O grao de proxección acadado pola institución universitaria “non se corresponde co apoio económico recibido das administración públicas e do sector privado”, engadiu Casares. Neste senso, fronte á tendencia experimentada nos países europeos máis desenvolvidos, “que incrementan as achegas públicas ás universidades” en contextos de crise, Casares lamentou que nos países do sur de Europa as administracións, non obstante, reducen os fondos destinados ao ensino superior. E o máis preocupante, engadiu o reitor, é que a situación se reproduce nunha comunidade autónoma “que sempre se mantivo lonxe dese, xa case mítico, valor mínimo de suficiencia do 1% do PIB”. Non obstante, fronte ás limitación da situación económica, a Universidade seguirá priorizando o “activo máis valioso que temos”, indicou Juan Casares en referencia ao “capital humano, as persoas”. É obvio, engadiu que “sen o seu bo facer non hai docencia, nin investigación de calidade, nin a sociedade podería desenvolverse correctamente”. O reitor, quen lembrou que a universidade é a única institución da sociedade civil que persiste dende hai mil anos, fixo un percorrido polas funcións que lle son propias a través dun relatorio que evidenciou a relación da USC coa transferencia de coñecemento, a extensión universitaria, a prestación de servizos sociais, a internacionalización, a formación continua ou a mellora da calidade da xestión. Toxinas mariñas O profesor de Farmacoloxía da USC Luis M. Botana López ofreceu a lección maxistral titulada ‘A farmacoloxía das ficotoxinas como exemplo de I+D con proxección social’, na que introduce unha breve mirada histórica ao problema da propiedade intelectual no ámbito do coñecemento en farmacoloxía para discutir as posibilidades que ofrece o desenvolvemento de patentes de novos medicamentos a partir de toxinas mariñas. O profesor Botana achegouse na súa intervención á discusión sobre o papel deste tipo de toxinas en relación coa seguridade alimentaria; a súa influenza no comercio; o desenvolvemento de métodos de detección; e a necesidade de controlar a súa presenza. Na súa reflexión, Botana referiuse á proxección social que ten o traballo científico arredor desta área, onde a USC, e concretamente o grupo científico de Farmacoloxía de Veterinaria, é xa unha referencia na investigación de toxinas mariñas no ámbito mundial, mantendo sólidos vínculos coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (ANFACO) ou coa empresa CIFGA, emprazada en Lugo, para ofrecer patróns certificados de toxinas en Europa. Outro indicador neste sentido sería, segundo expuxo Botana, o número de patentes neste ámbito que está a xerar actualmente o grupo investigador da USC con orientación medicinal. Asistentes Acompañando ao reitor na mesa presidencial estiveron presentes ademais os vicerreitores de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante; de Investigación e Innovación, Francisco González; de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira.

O acto desenvolveuse no Auditorio ‘Enrique A. González García’ da Facultade de Veterinaria coa presenza de numerosas autoridades políticas, sociais, militares e académicos, entre os que se atopaban o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, e a vicepresidenta segunda da Deputación luguesa, Lara Méndez.

O acto contou coa asistencia de numerosas persoalidades políticas, sociais, militares e académicos Luis Botana a foi o encargado de pronunciar a lección maxistral

The contents of this page were updated on 01.28.2011.