‘Músicas na Vidreira’ continúa este luns en Lugo cunha actuación na sala E=mc2
A sala E=mc 2 da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo será este luns 31 de xaneiro escenario dunha nova actuación do ciclo ‘Músicas na Vidreira’ de Lugo Cultural. Os alumnos do Centro de Música Profesional Fingoi serán os encargados deste segundo concerto que se celebrará ás 12:00 horas.
Carmen Amor, Sara Cabezal, Paula Castro, Germán Liñares, Cristina López, Amaia Merino, Laura Núñez e Alexandre Porto interpretarán as pezas Rondó, de Purcell, Don Quixote, de Telemann, e Piziccato Polka, de Strauss. ‘Músicas na vidreira’ é unha aposta de Lugo Cultural encamiñada á promoción dos novos intérpretes integrados nos centros formativos musicais de Lugo. Os concertos teñen unha duración duns vinte minutos e este ano distribúense en diferentes emprazamentos do ámbito universitario, completando outra das iniciativas deste programa centrada na música clásica como é o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’.