Un obradoiro de expresión oral permitirá aos profesores da USC usar a lingua galega de xeito máis espontáneo e fluído
Consolidar e mellorar nos asistentes a soltura necesaria na fala para que se sintan competentes á hora de impartir docencia en galego, se así o desexan, ou cando menos de usar máis e mellor a lingua galega. Estes son dous dos fins que persegue o primeiro obradoiro de expresión oral en galego, organizado pola comisión de normalización lingüística de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da USC. O curso está dirixido a docentes da universidade compostelán, aínda que teñen preferencia os de Dereito. Trátase dun total de 20 horas de formación, que se impartirán entre o 31 de xaneiro e o 21 de febreiro, os luns, mércores e venres, en horario de 9:00 a 11:00 horas. Os interesados dispoñen ata este xoves 27 para formalizar a súa matricula a través da ligazón http://www.usc.es/gl/servizos/pfid/pfid.html. O primeiro obradoiro de expresión oral en galego está dentro do Programa de Formación e Innovación Docente da USC e computa para as cen horas esixidas para o Diploma de Docencia Universitaria. Metodoloxía
O curso está deseñado seguindo unha metodoloxía comunicativa, facendo especial fincapé nas destrezas faladas, polo que ten un carácter eminentemente práctico. De feito, as estratexias de aprendizaxe están baseadas en actividades individuais e en parellas e grupos, usando temáticas actuais e de interese para o alumnado. Na mesma liña, usaranse xogos, dramatizacións, narracións, debates e improvisacións para mellorar os recursos lingüísticos orais e diccións en distintos contextos comunicativos.