Skip to main content

O coro Solo Voces e a Orquestra Vigo 430 abren este sábado o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ de Lugo Cultural

Unha actuación do grupo vocal Solo Voces, que inaugura en Lugo 'Músicas a carón da Mosqueira' xunto coa Orquestra Vigo 430
Unha actuación do grupo vocal Solo Voces, que inaugura en Lugo 'Músicas a carón da Mosqueira' xunto coa Orquestra Vigo 430
Os alumnos do centro Galén inauguran o luns ‘Músicas na Vidreira’ cunha actuación en Veterinaria

O concerto inaugural de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que correrá a cargo do grupo vocal Solo Voces e maila Orquestra Vigo 430 reunirá a uns 60 intérpretes que actuarán xuntos e por separado nunha sesión que se celebrará o 22 de xaneiro ás 20:30 horas no Círculo das Artes de Lugo. Esta actuación forma parte da escolma de música clásica que se achega á cidade de Lugo dentro do programa Lugo Cultural.

Juan Montes no repertorio Entre as pezas que interpretarán está por un lado a Suite en estilo antigo do autor Andrés Gaos, por parte da formación instrumental, e as obras Un bico e Negra Sombra do compositor Juan Montes. O concerto rematará coa interpretación conxunta doutras tres obras en homenaxe ao músico Montes, A Misa de Defuntos, a Misa en honor do Apóstolo Santiago e o Te Deum. Esta peza permaneceu case un século sen escoitarase ata que foi recuperada hai agora dous anos polo Coro do Hospital Xeral Calde dirixido, ao igual que a formación Solo Voces, por Fernado Gómez Jácome. O responsable da formación coral destaca que esta actuación servirá para dar un paso máis no obxectivo de converter ao compositor Juan Montes nun habitual do repertorio da súa cidade, Lugo. A formación sinfónica de Vigo está formada na súa maioría por músicos profesionais, aínda que incorpora a destacados intérpretes de canteira, principalmente galegos, pero sen negarse a contar con outros compoñentes de formación foránea. Alejandro Garrido dirixe a orquestra, que interpreta pezas de distintas épocas, autores e estilos e na que é de gran interese o achegamento histórico aos séculos XVIII e XIX. Pola súa banda, o grupo vocal lugués traballa en diversos ámbitos do repertorio coral, brillando especialmente a súa atención á música antiga e aos autores locais como é o caso de Juan Montes. A piques de presentar un novo CD sobre ‘Dous Séculos de Música Lucense’, Solo Voces consolídase no panorama musical galego con outras iniciativas que teñen mesturado a música coa poesía e alternado rexistros máis serios con doses de humor. O programa de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ terá continuidade no mes de febreiro prolongándose durante o resto do ano con actuacións que achegarán diversos instrumentos e voces a través de recoñecidos intérpretes, cumprindo tamén a finalidade de recuperar espazos escénicos. En todos os concertos do ciclo, a entrada e de caracter gratuíto. ‘Músicas na vidreira’ Ao mesmo tempo, o ciclo ‘Músicas na Vidreira’ que pretende achegar a música a varios espazos universitarios e ás rúas da cidade a través de diferentes actuacións de 20 minutos de duración, tamén inaugura a súa actividade este luns 24 de xaneiro a cargo de alumnos do Centro Autorizado Profesional de Música Galén ás 14:00 horas na Vidreira de Veterinaria. ‘Músicas na vidreira’ complementa dende o pasado ano a oferta de ‘Músicas a carón da Mosqueira’ ao tempo que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, ofrecen actuacións musicais duns vinte minutos repartidos este ano entre a vidreira de Veterinaria, a sala E=mc2, a sede do IBADER e as rúas do centro da cidade. Nesta actividade participarán o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons. O convenio Lugo Cultural está formado pola USC, o Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Promoción e Difusión de Cultura da Xunta e Fundación Caixa Galicia e está xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC. Esta completa programación foise estabilizando durante os últimos anos na cidade e consta de varios ciclos que albergan disciplinas coma o teatro ou a danza. As persoas interesadas en obter máis información sobre estes ciclos ou o resto da programación de Lugo Cultural poden facelo proximamente na web www.lugocultural.es.

The contents of this page were updated on 01.21.2011.