Skip to main content

A doutora pola USC Isabel Ben Batalla, Premio Sergio Vidal 2011

A doutora pola USC Isabel Ben Batalla, Premio Sergio Vidal 2011
A doutora pola USC Isabel Ben Batalla, Premio Sergio Vidal 2011
Comunicóuselle este venres nun acto no que interveu o vicepresidente de dirección do Cluster da Saúde de Portugal

Honrar o labor e memoria do que fora profesor da USC Sergio Vidal Ruibal e ao tempo servir de estímulo para os novos investigadores é a pretensión do Premio Sergio Vidal que na súa sétima edición se lle acaba de conceder á doutora en Bioloxía pola Universidade compostelá Isabel Ben Batalla. Esta bióloga molecular, que en 2009 leu a súa tese dirixida polo profesor Román Pérez, está realizando actualmente a súa estadía posdoutoral no Departamento de Bioloxía Tumoral da Universidade Klinikum Eppendorf de Hamburgo (Alemaña). En concreto, o galardón que hoxe recibiu concédeselle por un artigo publicadoen The Journal of Clinical Investigation (JCI), prestixiosa revista de alto impacto científico, sobre o papel dunha proteína no desenvolvemento e progresión do cancro de mama e a súa metástase a pulmón. En anteriores edicións este galardón correspondeulle a José Antonio Costoya Puente, Susana Belén Bravo López, Patricia Manuel Costa e Castro, Montserrat García Lavandeira, Sonia Fernández Veledo, e Luís Varela Fernández. Sergio Vidal Sergio Vidal Ruibal (1966-2003) foi un brillante profesor da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela. Posuía unha gran vocación docente e foi galardoado co Primeiro Premio á Innovación Educativa (Área de Ciencias da Saúde) da Universidade de Santiago en 2001. O Profesor Sergio Vidal Ruibal desenvolveu un intenso labor investigador en colaboración con varios Departamentos da Universidade e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, así como con outras Universidades e institucións nacionais e estranxeiras que resultaron en numerosas publicacións de recoñecido prestixio. Participou na elaboración da máis recente Clasificación de Tumores de Órganos Endocrinos da Organización Mundial da Saúde, e os seus traballos con Kalman Kovacs e Eva Horvath, do St. Michael’s Hospital da Universidad de Toronto (Canadá), e cos doutores Bernd W. Scheithauer e Ricardo V. Lloyd, da Mayo Clinic de Rochester (USA), son unha referencia actual no campo da patoloxía hipofisaria humana. Conferencia de Manuel Sobrinho Nese acto in memoriam, que transcorreu na Aula 1 do CHUS, o encargado de pronunciar a conferencia especial foi Manuel Sobrinho-Simões, catedrático de Anatomía Patolóxica e director do Instituto de Patoloxía e Inmunoloxía Molecular da Universidade de Porto (Portugal), xefe do Servizo de Patoloxía do Hospital San João e vicepresidente de Dirección do Health Cluster Portugal. O profesor portugués interveu co relatorio ‘¿Qué nos ensinaron os tumores tiroideos sobre o cancro?. Manuel Sobrinho-Simões licenciouse e doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade de Porto realizando unha estadía posdoutoral no Instituto do Cancro de Noruega (Oslo). É especialista en patoloxía molecular, oncobioloxía e cancro de tiroides. En 1989 creou o Instituto de Patoloxía e Inmunoloxía Molecular da Universidade de Porto que preside desde entón. É profesor Asociado de Patoloxía e Bioloxía Celular da Facultade de Medicina da Universidade Thomas Jefferson de Filadelfia. Dirixiulle a tese doutoral a máis de 30 médicos e científicos portugueses e estranxeiros. Nas instalacións da Universidade de Porto realiza anualmente de 200 a 300 casos de consulta diagnóstica (principalmente de tumores tiroideos) para hospitais e institutos de oncoloxía de Europa, EEUU e América do Sur. Presidiu a Sociedade Europea de Patoloxía (SEP) desde 1999 a 2001, tras ser secretario xeral de 1989 a 1997. Como presidente da SEP creou as Divisións de Moscú (2001), Ankara (2003), Cracovia (2005) e Hradec-Kralové-Charles University (2006) da Escola Europea de Patoloxía. Entre os galardóns conseguidos destacan o Premio Bordalo Ciencia (1996), o Seiva (2002) e o Pessoa (2002), ademais da Medalla de Ouro de Arouca e de Porto, a Medalla de Mérito da Cruz Vermella Portuguesa e do Colexio Médico.

The contents of this page were updated on 05.06.2011.