Skip to main content

Senén Barro asiste en México ao II Encontro Internacional de Reitores Universia, coa participación de máis de mil universidades

Máis de mil universidades, entre elas a USC representada polo seu reitor Senén Barro, reúnense a partir de hoxe na cidade mexicana de Guadalajara para debater sobre os retos da educación superior do futuro e as respostas que poden achegar as institucións educativas ás demandas da sociedade.
O Encontro Internacional de Reitores de Universia (EIRU) ten como lema ‘Por un espazo iberoamericano do coñecemento socialmente responsable’, ideaque marca a pauta neste foro que xirará en torno a once desafíos que as universidades terán que afrontar e superar con éxito nos vindeiros anos para conseguir aunar a súa tripla misión formativa, investigadora e emprendedora.
Na primeira xornada trataranse asuntos sobre a internacionalización, a mobilidade e a cooperación, o papel das institucións de educación superior como decisivas impulsoras da cohesión social e a creación de redes e macroespazos universitarios con obxectivos de traballo compartidos.
A segunda xornada, que terá lugar este martes, dará paso ás cinco sesións restantes centradas nas novas formas e metodoloxías docentes, os desafíos da investigación en común e a configuración de equipos, a formación de profesores e investigadores, a transferencia de coñecemento e a innovación dentro das universidades. A última das sesións versará sobre os retos da rede Universia no marco do Espazo Iberoamericano do Coñecemento.
Proceso participativo e global Estes dous días de traballo en Guadalajara non suporán senón a culminación de todo un proceso conversacional que se desenvolveu ao longo dos pasados meses a través de canais en rede como blogs, redes sociais e plataformas audiovisuais. Todas elas serviron para recoller máis de 500 ideas e propostas que serviron de base para vertebrar os contidos que se presentarán en México. Neles participaron todos os axentes relacionados coa actividade universitaria, desde reitores e estudantes, ata empresas e xestores. Seguimento en directoAs actividades principais do EIRU poderanse seguir en directo, a partir das 10:00 hora local de México, 17.00 horas en España.

The contents of this page were updated on 05.31.2010.