Skip to main content

O Observatorio Galego do Territorio resalta a importancia de Red Natura 2000 para o debate medioambiental

O Observatorio Galego do Territorio considera que Red Natura 2000 é a primeira rede de espazos naturais que se crea cunha perspectiva europea en todo o territorio da UE. Deste xeito, o Observatorio, á vista de cuestións recentes relacionadas coa consideración dos espazos protexidos en Galicia, considera que a mencionada Red é o resultado da aplicación da directiva comunitaria 93/43/CEE, coñecida como Directiva de Hábitats.
Constituído como un grupo interdisciplinario de urbanistas, arquitectos, sociólogos, historiadores e economistas que ten por obxecto estudar, entender e facer propostas sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe, o Observatorio Galego do Territorio subliña que Red Natura 2000 “non é un texto programático, nin unha declaración de intencións, senón que leva obrigacións xurídicas para os estados ou autoridades ambientais”.
Partindo destas consideracións, o colectivo lembra que a lexislación española desenvolveu en España a Directiva Hábitats a través dun Real Decreto, o 1997/1995 de 7 de decembro polo que se establecen as medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Así, as medidas que se adopten en virtude desta directiva e do seu desenvolvemento polo decreto, terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento dun estado de conservación favorable.
Este grupo, entre os que se atopa profesorado da USC, iniciou a súa andaina a finais do pasado ano cunha conferencia do fiscal de Medio Ambiente da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e membro do Observatorio sobre as consecuencias para o territorio castigado polo vertido do ‘Prestige’.

The contents of this page were updated on 03.29.2010.