Skip to main content

O XVI Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abre as súas portas o luns 12

As aulas de teatro das universidades de Santiago e de Zaragoza, a Escola Superior de Arte Dramática de Asturias, a Escola de Teatro de Narón, In Vitro Teatro (Universidade de Xaén) e Teatro Universitario do Minho son as compañías que van protagonizar a décimo sexta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC.
Serán un total de sete representacións entre os días 12 e 18 de abril, todas elas no Salón Teatro, a partir das 21:00 horas, con entrada gratuíta, previo paso polo despacho de entradas que permanecerá aberto ao público dende as 18:30 horas.
A programación levantará o pano o vindeiro luns 12 coa Compañía da Aula de Teatro da USC que representará‘As cuñadas’ de M. Tremblay, sobre unha versión libre de Roberto Salgueiro. Ante a boa acollida que a representación colectou na súa estrea no mes de decembro, esta mesma función terá lugar novamente o martes 13.
A Escola Superior de Arte Dramática de Asturias tomará o relevo o mércores 14 coa posta en escena de ‘Noite de Reis’ de William Shakespeare, para continuar o xoves coa Escola de Teatro de Narón que subirá ao escenario ‘Comendo pementos de padrón con Tarantino’ de Leandro Lamas Ermida.
‘O porvir está nos ovos’ de Eugène Ionesco, será a estrea do venres 16, da man da Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza. Seguiralle, o día 17, In vitro teatro (Universidade de Xaén) achegando unha nova versión de ‘Romeo e Xulieta’ de William Shakespeare. O Festival rematará o domingo 18 cunha proposta chegada dende Portugal, a cargo de Teatro Universitário do Minho, que escenificará ‘O jornalista da vosa beleza’, de Joao Negreiros.

The contents of this page were updated on 04.30.2010.