"É importante transmitir coñecemento científico á sociedade para evitar malos entendidos"

O Nobel de Física en 2007, o francés Albert Fert, atópase en Compostela para participar no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, chega á súa quinta edición convertido na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia, algo que para o profesor francés é de vital importancia “para evitar malos entendidos”, facendo referencia ao medo existente á nanotecnoloxía, unha disciplina que “pola contra, carece de perigo algún”.
O profesor Fert ofrece este xoves ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18) a conferencia ‘O mundo da espintrónica: electróns, espíns, computadoras e teléfonos’ que disporá de tradución simultánea e que se retransmitirá por videoconferencia na Sala de Xuntas da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
Fert, da Universidade París-Sur, acadou o Nobel -compartido con Peter Grünberg-polo descubrimento da magnetorresistencia xigante, un fenómeno que deu lugar a unha revolución no eido do rexistro e acceso á información. O tempo de transferencia do coñecemento dende a fase de investigación básica á de aplicación industrial ao máximo nivel foi de apenas unha década, co cal converteuse en paradigma. O seu achado, unha das principais aplicacións reais do emerxente campo da nanotecnoloxía, está presente nos ordenadores portátiles, reprodutores musicais e, en xeral, en moita da electrónica de consumo que usamos actualmente.
Buscar alternativasNun encontro cos medios de comunicación advertiu de que a electrónica tradicional, a do silicio, ten un límite físico que data en dez anos e para que hai que atopar alternativas. Apuntou a longo prazo a espintrónica, pero sinalou a electrónica molecular como a substituta da tradicional nese curto período de tempo.
Precisamente falando da espintrónica animou á comunidade científica europea a que poñan “todos os esforzos en liderar os avances neste campo, en resposta a países emerxentes como Corea, India e China, que desenvolverían todo o ciclo dos novos dispositivos tecnolóxicos, desde o seu inicio ata a súa comercialización”.
BiomedicinaSobre a aplicación da magnetorresistenca xigante á biomedicina o Nobel mostrouse esperanzado en que as investigacións neste eido consigan moito máis que ata agora –almacenamento das imaxes médicas-. Concretamente apuntou a unha aplicación na análise de biomoléculas coa que, por exemplo, se podería detectar o cancro en estados moi primixenios do seu desenvolvemento ou sensores para detectar no sangue outros tipos de marcadores de enfermidades ou virus.
Cumio SpaintronicsCoa concesión do Premio Nobel en 2007, o profesor Fert culminaba unha carreira científica exitosa ao longo da cal liderou o desenvolvemento da espintrónica, que se ocupa do uso do espín electrónico para dispositivos electrónicos útiles, máis alá do tradicional uso da carga electrónica nos dispositivos baseados en semiconductores.
Por esta razón este venres 30 Albert Fert reúnese ás 10:30 horas no Centro de Estudos Avanzados cos principais líderes españois no eido da espintrónica, algúns deles antigos discípulos no seu laboratorio francés. Este cumio científico, denominado ‘Spaintronics’, contará ademais coa participación do tecido investigador galego.