Skip to main content

Juan Ignacio Rueda ofrece en Lugo un concerto dentro do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'

O guitarrista Juan Ignacio Rueda ofrecerá este luns 1 de marzo ás 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia de Lugo o terceiro concerto do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que se desenvolverá na cidade ata o vindeiro 13 de decembro.
Juan Ignacio Rueda naceu en Algeciras no ano 1986 e cursou estudos de guitarra nos Conservatorios de Algeciras, La Línea e Granada, nas Hochschule für Musik de Weimar e Nuremberg, e na Escuela Superior de Música de Cataluña.
Dende moi novo, este músico ofrece concertos, tanto só como en grupos de cámara ou solista con orquestra, en España, Alemaña, Finlandia ou Polonia.
Tralo recital de Rueda, o programa do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado por Lugo Cultural, continuará o día 12 de abril cun concerto de corda do Cuarteto Álbeniz Prosegur; o 10 de xuño, coa actuación da Orquestra Rogelio Groba; e rematará o 13 de decembro coa presentación do novo disco do coro Solo Voces, un traballo que dedican integramente á cidade de Lugo facendo unha panorámica da música vocal composta na provincia nos dous últimos séculos. Todos os concertos teñen entrada gratuíta.

The contents of this page were updated on 02.26.2010.