Skip to main content

A USC recibe aos estudantes estranxeiros

O Salón Nobre de Fonseca quedou pequeno para acoller aos estudantes de intercambio
O Salón Nobre de Fonseca quedou pequeno para acoller aos estudantes de intercambio
A recepción en Lugo será este venres, día 1

O Colexio de Fonseca acolleu este xoves o acto de benvida aos estudantes estranxeiros que este ano académico se achegan ás aulas da USC no Campus de Compostela. Trátase de alumnos pertencentes aos programas Sócrates-Erasmus e Erasmus Mundus así como a convenios bilaterais. Deste xeito, o reitor Juan Casares deu a benvida a preto de catro centros estudantes, xunto aos que tamén estiveron unha representación dos alumnos da USC que o pasado curso decidiron estudar fóra de Galicia. O reitor compostelán destacou a capacidade de atracción que a universidade compostelá ten para alumnos de practicamente todo o planeta, poñendo o énfase na importancia que o coñecemento doutras culturas ten para a formación integral das persoas. Ao longo do presente ano, os centros da Universidade de Santiago tanto en Compostela como en Lugo acollerán a preto de 1.400 estudantes procedentes da práctica totalidade de países da Unión Europea e de latinoamérica, representando a medio centenar de nacionalidades ao longo de todo o globo. A maior proporción deste colectivo correspóndese co alumnado do programa Erasmus, seguido polos estudantes chegados a través de convenio bilaterais e finalmente do programa Erasmus Mundus. Tal e como lembrou o reitor na súa intervención, estas cifras sitúan á institución compostelá entre as universidades, non só españolas senón tamén europeas, con maior capacidade de atracción para estudantes estranxeiros. Benvida en Lugo En Lugo e igualmente coa presenza do reitor, o acto de benvida para alumnos estranxeiro do Campus desenvolverase o venres, día 1 de outubro, a partir das 12:00 horas na Facultade de Veterinaria. Teñen confirmada a súa presenza a este acto preto dun cento de estudantes.

The contents of this page were updated on 09.30.2010.