Presentación dos resultados da sexta enquisa sobre o perfil tecnolóxico dos estudantes da USC
Os resultados da sexta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) presentaranse en roda de prensa este xoves, día 4, na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca a partir das 12:00 horas. No mesmo acto farase entrega de dous ordenadores portátiles, un e-book e cinco teléfonos móbiles de última xeración aos agraciados no sorteo realizado entre os estudantes que responderon á enquisa.
O reitor da USC, Senén Barro, e o director da Área TIC da institución docente, Javier Franco, serán os encargados de presentar os mencionados resultados. Na mesma sesión estarán presentes tamén representantes das empresas colaboradoras no sorteo, Vodafone, Universia, Mercado Actual e Micromedia, entre eles Gerardo Lodeiro e Juan José de Santiago, da operadora de telecomunicacións e Fernando Pablos, director xeral de Micromedia.
A enquisa permite comprobar en que medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia de TIC ao tempo que se converte nun instrumento de seguimento e control das accións que neste eido se realizan orientadas ao alumnado. O estudantes foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outras cuestións.