O Camiño de Santiago, protagonista dunha conferencia e un recital en Lugo
O presidente da Asociación ‘Amigos do Patrimonio de Castroverde’ Manuel Muñiz Besteiro impartirá este xoves 4 ás 19:30 horas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado unha conferencia sobre ‘O Camiño Primitivo na provincia de Lugo’ dentro do programa de actividades organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC no campus lugués.
No seu relatorio Manuel Muñiz, profundo coñecedor do Camiño Primitivo e organizador de múltiples roteiros, fará un percorrido polas distintas etapas do camiño a través de imaxes e percepcións persoais, con especial atención a aqueles aspectos ou lugares máis salientables dende Grandas de Salime ata Santiago de Compostela.
RecitalTrala conferencia, ás 20:30 horas o cantautor Miro Casabella interpretará un recital de ‘Romances e cantigas no Camiño’ no que se escoitarán pezas como o Romance de Don Gaiferos, La Pernette, Romance de Doña Eusenda ou algunha Cantiga de Afonso X.
Miro é un cantautor cunha longa traxectoria na música galega e un verdadeiro especialista en cantigas da época medieval relacionadas co Camiño de Santiago. Ao longo da súa carreira profesional actuou en múltiples escenarios de España, Portugal, Francia e Andorra xunto a cantautores consagrados como Paco Ibáñez, José Afonso, Georges Moustaki, Ovidi Montllor, Pi de la Serra ou Luis Cilia, entre outros. Sacou ao mercado seis discos en solitario, un co grupo DOA e participou noutros sete traballos colectivos.
Outros actosO programa de actividades organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC continuará o vindeiro 12 de marzo cunha conferencia sobre ‘A lingua galega: evidencias e necesidades’ a cargo da profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro.