O reitor da USC presentou o novo equipo da Unidade de Resonancia Magnética no Campus de Lugo

O reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; e o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell Pintos, presentaron este xoves o novo espectómetro de Resonancia Magnética Nuclear Multifunción, o ‘Varian VNMRS-500-WB’, que se acaba de instalar na Unidade de Resonancia Magnética do Edificio CACTUS do Campus de Lugo.
O responsable da Unidade de Resonancia Magnética da USC, Manuel Martín, explicou o funcionamento técnico e as vantaxes que o novo espectómetro ofrece aos equipos de investigación en diferentes campos, e impartiu unha conferencia sobre o ‘Método PALSY para espectroscopía de RMN rápida en disolución’, unha das novidosas posibilidades que ofrece este equipamento, que cobre tamén os estados xel e sólido.
Outra das tecnoloxías punteiras das que dispón o novo espectómetro é a obtención de imaxes de resonancia magnética funcional in-vivo (MRIf), á que se referiu, co exemplo dos estudos en roedores, o experto na materia Pedro Ramos, da Unidade de Imaxe Molecular do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas do CHUS.
A presentación oficial rematou cunha visita ao laboratorio da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) do CACTUS, onde o novo espectómetro está xa plenamente operativo.
Características do novo equipoO novo espectómetro é un equipo singular dentro da USC e mesmo no conxunto da investigación española. A súa posta en funcionamento permite cubrir novas demandas de servizo que existían tanto en áreas de investigación xa habituadas ao uso da resonancia magnética como noutras completamente novas, o que supón un salto cualitativo para moitos campos de investigación da universidade cun forte potencial de retorno para a sociedade.
Este equipo permite realizar experimentos avanzados de Resonancia Magnética funcional in-vivo (MRIf) a un campo magnético ultra-alto de 11.7 Teslas. A alta calidade e sensibilidade das imaxes de resonancia que poden obterse con modelos animais permitirá o estudo dun grande número de procesos naturais ou patolóxicos, con implicacións a nivel biolóxico, terapéutico e farmacolóxico.
Ademais da Imaxe de Resonancia, o espectómetro tamén dispón dun equipamento excepcional para espectroscopía de Resonancia Magnética Nuclear (RMN) cubrindo as tres técnicas existentes: RMN en disolución, estado xel e estado sólido. Estas técnicas teñen aplicacións moi diversas, entre as que se inclúen o estudo da estrutura e actividade de fármacos en disolución, a metabonómica de texidos ex-vivo, a química dos alimentos, a nanotecnoloxía ou a química de materiais de mostras en estado sólido.
Con posibilidades coma estas, o novo equipo da Unidade de Resonancia Magnética no Campus de Lugo permitirá facer investigación punteira e cunha sensibilidade inusitada nun amplo abano de áreas, como o desenvolvemento de novos materiais e fármacos, estudos de edafoloxía, estrutura e dinámica de biomoléculas, tecnoloxía de alimentos ou o diagnóstico e prognóstico de enfermidades.
InvestimentoO novo equipamento supuxo un investimento de 732.000 euros cofinanciados por fondos europeos e a USC. A súa adquisición enmárcase dentro dos servizos de apoio á investigación que a RIAIDT, e en particular a súa Unidade de Resonancia Magnética, presta a toda a comunidade universitaria.
Nos tres últimos anos, investíronse máis de dous millóns de euros en novas infraestruturas científicas da RIAIDT en Lugo, o que favorece que neste campus se estean a desenvolver investigacións punteiras que acadan unha importante repercusión no eido nacional e mesmo internacional.
Unidade de RMNA Unidade de Resonancia Magnética da USC dispón de catro laboratorios, tres no Campus de Santiago e un no de Lugo. Trala incorporación do novo equipo dedicado a MRIf e RMN de sólidos, líquidos e xeles, esta unidade pasa a dispor dun total de 10 espectómetros de resonancia magnética de diferentes campos, dende 5.8 ata 17.6 Teslas, e outro máis dedicado á Resonancia Espín Electrónico (EPR). Todos eles pódense operar en remoto a través da rede.
No campus de Lugo están instalados o espectómetro de 7.04 Tesla para estudar mostras en disolución (líquidos) e o que se vén de presentar, de 11.7 Tesla.