Skip to main content

A web do Observatorio do Código Ético da USC, unha canle de comunicación aberta á comunidade universitaria

O Observatorio do Código Ético da USC acaba de poñer a disposición dos integrantes da comunidade universitaria a súa páxina web na que se pode consultar toda a información relativa ao mencionado Código, o Observatorio así como aos seus integrantes.
A comezos do presente curso académico iniciou o seu traballo este Observatorio que seguirá e avaliará o cumprimento do Código Ético, estando aberto á recepción de suxestións ou queixas sobre as que deberá elevar os correspondentes informes.
Intégrano nove representantes do Persoal Docente e Investigador, do Persoal de Administración e Servizos, do estudantado e do Consello Social. Deste xeito, á xuntanza constitutiva asistiron ademais Florencio Arce, que preside o Observatorio; os profesores Manuel Segura Ortega, Luis García Soto, Patricia Fernández de Troconiz, Mª Jesús Sáinz e Isabel Fraga Vila; o responsable da Oficina de Xestión do Servizo de Prevención de Riscos, Xan Mariñas Liste; a representante dos Estudantes no Consello Social, Inmaculada García Escourido; e Enrique Feáns García, representando ao Consello Social.
Código Ético
O Código Ético da USC reúne un conxunto de principios, valores e normas referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns éticos de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.
A adopción deste documento sirve á USC como carta de presentación perante a sociedade, mostrando o sentido e as liñas xerais da actividade e a acción da universidade, así como concluír un triplo compromiso ético, da universidade coa sociedade, da universidade co persoal universitario e entre o persoal universitario, no relativo aos obxectivos e procedementos asumidos pola institución académica. Finalmente, o documento permite ofrecer á comunidade universitaria unha guía de actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o seu desenvolvemento.
Tal e como se recolle no seu texto articulado, “a forza obrigante do código reside no compromiso adquirido, de modo expreso e formal pola comunidade universitaria e, de modo implícito e en consciencia, polos seus membros que o asumen como referencia orientadora da súa conduta”. Neste senso, é aplicado “ás persoas e polas persoas que compoñen a USC: a propia universidade, xunto cos seus órganos e agrupacións, como persoas colectivas, e os distintos integrantes do persoal universitario, como persoas individuais”.
O Código articúlase nunha serie de epígrafes nos que se afonda na organización, actividade interna, funcionamento e acción social da Universidade; no exercicio das funcións, boas prácticas, dedicación ao traballo e condutas reprobables do persoal universitario, entre outros.

The contents of this page were updated on 03.16.2010.