Remata o prazo para inscribirse no Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
Máis de vinte persoas inscribíronse na décimosexta edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, unha das actividades máis consolidadas do convenio Lugo Cultural, que se desenvolverá na cidade o vindeiro 24 de marzo.
Os interesados en participar, que deben ser maiores de 18 anos, poden inscribirse ata as 14:00 horas deste xoves 18 na Vicerreitoría de Cultura do campus lugués.
O certameA este Maratón Fotográfico pódense presentar traballos tanto en modalidade dixital como analóxica, para o que a organización proporá dous temas comúns para as dúas categorías. Ademais, dentro da modalidade analóxica haberá un apartado de temática libre.
Os participantes no certame optan a premios como o ‘Carlos Valcárcel’, dotado con 236 euros, que se concede á mellor fotografía presentada por algún dos alumnos dos cursos de fotografía programados pola Vicerreitoría de Cultura en calquera das súas convocatorias.
Así mesmo, haberá un premio de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema, modalidade analóxica e dixital; outros 120 euros para a mellor fotografía de tema libre, dentro da modalidade analóxica: e 206 euros para a película de nivel medio máis alto, na que se valora a exposición correcta das vinte fotos, a variedade dentro dos temas propostos e a creatividade.