Skip to main content

A primavera estenderase dende o próximo sábado ata o 21 de xuño

O paso do Sol polo punto Vernal ou Equinoccio de Marzo, un dos puntos de corte da órbita terrestre co Ecuador Celeste, marca astronomicamente o comezo da primavera. Segundo datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, o inicio desta estación no hemisferio Boreal producirase concretamente o próximo sábado 20 ás 18:32 horas. Cunha duración de 92.75 días, prolongarase ata as 13:29 horas do 21 de xuño, instante no que se iniciará a estación estival.
Como en anos anteriores o cambio de hora oficial terá lugar o último domingo de marzo, o día 28, cando ás 02:00 horas se adiantarán os reloxos unha hora de acordo coa normativa da Unión Europea.
O sábado 20 día e noite terán semellante duración, momento a partir do que a cantidade de horas de luz irá crecendo ata o solsticio de xuño, alcanzando entón nesta latitude as 15 horas de duración. Tamén na xornada do sábado, o Sol sairá exactamente polo Este e porase polo Oeste aínda que segundo vaia avanzando a estación o irá facendo cada vez máis cara o Norte ata chegar ao 21 de xuño en que iniciará o camiño inverso.
A primavera ten asociadas unha secuencia de festas cristiás como o domingo de Pascua ou a Ascensión. No primeiro caso, o de Pascua é o domingo seguinte á primeira lúa chea da estación. Esta producirase este o día 30 de marzo ás 4:25 horas.
No período que contempla esta estación, non haberá ningún eclipse pero si se darán condicións óptimas para observar os planetas, indica o Observatorio da USC. Deste xeito, Xupiter será o lucero matutino e Saturno estará visible case todas as noites. Pola súa banda, Venus e Marte estarán visibles ao atardecer cara ao Oeste, mentres que Mercurio pasará de ser contemplado tamén despois da posta de Sol en abril, a verse antes da saída do Sol en maio e xuño, sendo as mellores condicións para a súa observación a comezos de abril no crepúsculo vespertino e a finais de maio no matutino.
Entre as chuvias de estrelas máis destacadas nesta estación están as Líridas (con máximo o 22 de abril) e as Eta-acuáridas (6 de maio).

The contents of this page were updated on 03.18.2010.