Skip to main content

A mostra "Un mundo de enerxía" achega o consumo eficiente e responsable aos universitarios

A exposición ‘Un mundo de enerxía’ permanece na actualidade aberta á comunidade universitaria e ao público en xeral na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) ata o próximo 5 de abril. O alcance desta mostra analizárono este luns en rolda de prensa o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás e Emérito Freire Sambade, do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega. Xunto a eles tamén estiveron o presidente da Comisión Cultural da Facultade e vicedecano, Xesús Rodríguez; o profesor de Didáctica das Ciencias Experimentais, Juan Ramón Gallastegui; e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco.
Ideada como un espazo didáctico e interactivo sobre a enerxía, esta mostra do Inega posúe un marcado carácter pedagóxico na súa forma, estética e contidos co fin de orientala á divulgación do mundo enerxético entre a sociedade. A través de diferentes medios, a súa vontade é axudar a comprender a complexidade dos procesos e infraestruturas necesarias para levar a cabo tan cotiás como acender unha lámpada ou empregar un vehículo.
Segundo se puxo de manifesto na rolda de prensa, a mostra ofrece unha visión construtiva do mundo enerxético, achegando o coñecemento dos distintos tipos de enerxía á cidadanía para concienciala acerca dun consumo eficiente e responsable e da necesidade de acadar un modelo de desenvolvemento sostible, a través do labor colectivo de fomento das enerxías renovables e da promoción do aforro e da eficiencia enerxética.
“Un Mundo de Enerxía” é un complemento e instrumento á disposición dos mestres e mestras, tanto para o seu coñecemento persoal como para a súa utilización nas aulas, dado que existe a posibilidade de préstamo gratuíta da mesma.
A presenza da mostra na facultade compostelá a disposición da comunidade universitaria enmárcase dentro do programa de actuacións de promoción do aforro e da eficiencia enerxética que as consellarías de Economía e de Industria están a levar a cabo, durante o mes de marzo e que tiveron como punto de arranque o 5 de Marzo, “Día Mundial da Eficiencia Enerxética” nun acto celebrado en Santiago de Compostela.

The contents of this page were updated on 03.22.2010.