Skip to main content

Continúa aberta a matrícula para tres cursos de teatro no Campus de Lugo

A Vicerreitoría de Cultura da USC mantén aberta a matrícula para participar en tres actividades de formación teatral que comezarán no mes de abril no Campus de Lugo dentro do programa de actividades culturais previstas para o actual curso académico. Trátase dun cursiño de introdución á iluminación, outro sobre o teatro barroco e un monográfico de aproximación á figura de Samuel Beckett. As 41 prazas que se ofertan en conxunto iranse cubrindo por orde de inscrición ata o comezo de cada unha das actividades.
O ‘Curso de introdución á iluminación’, que conta con 9 prazas, desenvolverase ao longo do mes de abril no Auditorio Gustavo Freire e a cargo do profesor Alfredo Sarille.
Fabiana Gastaldello será a encargada de impartir o ‘Curso do fasto da corte dos De’Medici ao esplendor da corte de Luis XIV – a teatralidade do movemento e da danza no teatro do Renacemento italiano e do Barroco francés’ dende o 26 de abril ata o 6 de maio na Aula de Teatro e Danza. Nesta actividade, que conta con 16 prazas, abordaranse os códigos de movemento no teatro barroco, a linguaxe dos abanicos e dos graos, as danzas de corte coas súas historias, pasos de base e execución no espazo, a aprendizaxe de estratos de repertorio e a introdución ao sistema ‘Feuillet’.
Tamén dispón de 16 prazas o monográfico de interpretación ‘Brevemente Beckett’, do que se veñen de modificar os horarios. Este curso que impartirá Quico Cadaval terá lugar, finalmente, os sábados e domingos dende o 10 de abril ao 2 de maio na Aula nova de Teatro e na Aula de Teatro e Danza. Estas sesións pretenden ser unha aproximación ás pezas breves de Beckett, que poden ser consideradas como limítrofes porque exploran os extremos do teatro, o límite da situación dramática, do diálogo, da memoria do personaxe, do risco social e mesmo de ideas como a intensidade e o ritmo da escena.

The contents of this page were updated on 03.23.2010.