Skip to main content

Máis de setenta persoas asistirán ao VI Curso de Primavera da Facultade de Humanidades

Unha ducia de expertos de Europa e América analizarán o influxo e as relacións entre Italia e España

Máis de setenta persoas asistirán á sexta edición do Curso de Primavera ‘De Roma a Santiago: camiños da historia, legado cultural’ que comeza este mércores 21 na Facultade de Humanidades de Lugo. Neste encontro, que rematará o venres 23, analizaranse os influxos e a relación entre as penínsulas española e italiana dende o período clásico ata a actualidade.
A inauguración oficial deste encontro será este mércores ás 11:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Humanidades, e contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; o concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro; e o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.Tamén asistirán o decano da Facultade de Humanidades, Alexandre Veiga, e os coordinadores do curso, os profesores Jesús Varela Zapata, da Facultade de Humanidades de Lugo, e María Montes López, profesora da área de italiano da Facultade de Filoloxía de Santiago.
Coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, este curso, coordinado por vez primeira por profesores dos dous campus da USC, abordará temas como o enorme legado romano en terras galegas, especialmente presente na cidade de Lugo, ou diversos aspectos lingüísticos relacionados coa evolución do latín culto e vulgar ata chegar ás actuais formas de galego e castelán, analizando os diferentes factores xeográficos, históricos, artísticos e sociais implicados.
O programaA sexta edición do Curso de Primavera da Facultade de Humanidades inclúe unha ducia de conferencias e varias actividades culturais. O primeiro relatorio impartirao este mércores o profesor da Universidade Per Stranieri de Perugia, Antonio Vannugli, que falará sobre ‘Orazio Borgianni e os Condes de Lemos’. A continuación, a profesora da USC Ana Goy Diz analizará a influencia da tratadística italiana na arquitectura da primeira metade do século XVII en Galicia, e dúas profesoras da Universidade de Padua, Gianna Marcato e Mariselda Tessarolo, falarán sobre o plurilingüismo italiano no teatro e a situación das linguas minoritarias dende o punto de vista sociolóxico, respectivamente.
Os catro relatorios previstos para o xoves 22 correrán a cargo de profesores da USC. María Concepción Fernández López impartirá a conferencia ‘De Roma a Lugo: La Vía Cántabra o la fortuna ¿lucense? de Julio César’; Antonio Doval disertará sobre a nova estrutura territorial galega no contexto do Camiño de Santiago; Carlos Baliñas repasará o percorrido dende a Gallaecia Romana ata a Galicia altomedieval; e Xaquín Rodríguez fará unha análise antropolóxica sobre a peregrinación medieval a Compostela.
O venres 23, último día do curso, os profesores da USC Beatriz Fernández e Luis Miguel Fernández ofrecerán cadanseu relatorio baixo o título ‘Todos os camiños conducen a Roma. Diego Durán e o pasado cristián dos aztecas’ e ‘A pegada do cine e a televisión italianos na cultura e literatura españolas. Tres secuencias e un prólogo’. A continuación, os asistentes ao curso farán unha visita ao Museo Provincial para achegarse de primeira man ao legado romano na provincia así como aos influxos italianos na arte galega.
O encontro rematará cunha conferencia sobre a incidencia italiana na literatura inglesa isabelina, a cargo do profesor da USC Luis Rodríguez Lorasque, e unha análise do cine de autor italiano, da man do profesor Albert Sabragia, da Universidade de Washington.

The contents of this page were updated on 04.20.2010.