Skip to main content

O Encontro Universitario de Danza Contemporánea reunirá en Lugo a grupos de España e América

Representantes de Lugo Cultural presentaron o VIII Encontro de Danza Contemporánea do Campus de Lugo
Representantes de Lugo Cultural presentaron o VIII Encontro de Danza Contemporánea do Campus de Lugo
Este encontro, que se desenvolverá os días 28 e 29 de abril, inclúe diversas actuacións e talleres creativos

Seis grupos de danza de universidades españolas e iberoamericanas daranse cita na oitava edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea que se desenvolverá en Lugo os vindeiros 28 e 29 de abril.Tamén colaborarán no evento o taller de malabares do Campus de Lugo e o Conservatorio Profesional de Danza da cidade.
Neste encontro internacional participarán a Compañía Hincapié da Universidade de Porto Rico, a Aula de Danza da Universidade da Coruña, o Taller de Danza da Universidade Europea de Madrid e as tres compañías da USC, a Compañía do Espazo de Danza Universitario, a Compañía Cisma e a Compañía Tinta’n-Pé.
Os días 28 e 29, ás 20:30 horas, estas compañías amosarán as súas producións na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial. Ademais, o día 29 ás 13:30 horas, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, terá lugar unha ‘invasión de danza’ a cargo destes grupos na rúa Bispo Aguirre.

TalleresO Encontro de Danza conta nesta ocasión cunha serie de actividades complementarias, como son tres talleres de danza contemporánea, ioga e malabares.
Eduardo Castro dirixirá o de danza contemporánea, no que os universitarios poderán explorar pautas de creación que serán as portas cara ao seu propio movemento. O taller de ioga, no que todos os interesados poderán practicar esta disciplina, estará a cargo de Rosa Acuña, e Celso Pereira será o encargado de achegar os malabares a través de xogos de destreza e habilidade con mazas ou bolas de cristal.
Intercambio culturalO obxectivo do Encontro de Danza Contemporánea, organizado no marco do convenio Lugo Cultural, é favorecer o intercambio cultural a través das distintas propostas coreográficas presentadas polas compañías que participan, así como da propia convivencia dos seus compoñentes.
O programa do encontro foi presentado este martes pola vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académicas, Begoña Barreiro; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez; e o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.
Tamén asistiu ao acto o director do Espazo de Danza da USC e responsable do evento, Juan Carlos Zahera, quen subliñou que non existe mellor medio que a danza para o achegamento e a difusión das diferentes culturas. Zahera lembrou tamén a importancia do Espazo de Danza da USC como canteira de novos bailaríns e bailarinas, xa que son moitos os profesionais que se formaron na universidade compostelá con actividades de danza.

The contents of this page were updated on 04.20.2010.