Skip to main content

A Nobel de Química en 2009, Ada E. Yonath, pecha o cartel de ConCiencia para este ano

A única muller viva recoñecida co Premio Nobel de Química, Ada E. Yonath, visitará en outubro Compostela para participar no Programa ConCiencia que organiza a USC en colaboración co Consorcio de Santiago. Péchase así o programa para este ano que se anunciou hai unhas semanas e que tamén traerá á cidade aos Premios Nobel de Física 2007 Albert Fert, de Química en 1996 Harold W. Kroto; e de Medicina en 1993 Richard J. Roberts.
Ada Yonath (Xerusalén, 1939) recibiu en 2009 o Premio Nobel de Química polos seus estudos da estrutura e función do ribosoma, un galardón que compartiu cos científicos estadounidenses Venkataman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz. Yonath traballa no Instituto Weizmann das Ciencias (Israel) e dirixe o Centro Helen & Milton A. Kimmelman de Estrutura e Montaxe Biomolecular, dependente do mesmo instituto.
A cristalógrafa israelí centrou as súas investigacións na tradución que fan os ribosomas da información do ADN para dar vida. O ribosoma é un complexo supramolecular queproduce proteínas a partir do ADN e que, por ser "crucial para a vida, constitúe un elemento importante para a elaboración de novos antibióticos", segundo informou no seu día a Real Academia Sueca das Ciencias.
Mulleres e NobelEn 108 anos de historia do Premio Nobel, o galardón en Química só recaera en Madame Curie, a súa filla e a británica Dorothy Crowfoot-Hodgkin. Ata o ano pasado que se lle concedeu a Ada Yonath non había viva ningunha muller con este premio. No tocante á Física só dúas mulleres o gañaron -de novo Madame Curie e Maria Goeppert-Mayer-, mentres que o Nobel de Economía se lle concedeu por vez primeira a unha muller o ano pasado.
Albert Fert a próxima semanaO primeiro convidado de ConCiencia deste ano é Albert Fert (Francia, 1938), Premio Nobel de Física 2007 polo descubrimento da magnetorresistencia xigante, que visitará Santiago a vindeira semana. Logo dun encontro cos medios de comunicación na mañá do xoves 29, Fert ofrecerá ese día unha conferencia, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), titulada O mundo da espintrónica: electróns, espíns, computadoras e teléfonos’.Ademais, o venres 30 manterá unha xuntanza no CEA cos principais líderes españois no eido da ‘espíntrónica’, que contará con presenza do tecido investigador galego.

The contents of this page were updated on 04.22.2010.