Skip to main content

A vicerreitora de Investigación e Innovación da USC ingresa na Academia de Farmacia de Galicia

María José Alonso pronunciará o discurso 'Da farmacia galénica á nanomedicina'

A vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso, ingresará este mércores 28 como académica de número na Academia de Farmacia de Galicia. Na cerimonia, que terá lugar ás 19:00 horas na sede da Academia en Santiago (Antigo Hospital de San Roque, r/ San Roque, 2), Alonso pronunciará o discurso de ingreso ‘Da farmacia galénica á nanomedicina’ que será contestado polo académico numerario José Luis Vila Jato.
Maria José Alonso é catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC desde 1998. Iniciou a súa actividade no campo das nanopartículas como sistemas de fármacos en 1987 na Universidade de París Sur, sendo o seu grupo de investigación da USC o primeiro que traballa en España nesta liña.
Entre os 30 proxectos financiados por institucións públicas e internacionais destacan algúns para a OMS e a “Bill and Melinda Gates Foundation”. A súa atención en investigación dirixiuse maioritariamente a abordar os problemas de saúde nos países en vías de desenvolvemento a través do uso das nanotecnoloxías.
Autora de 154 publicacións científicas en revistas internacionais de alto impacto na área da liberación de fármacos e de 24 capítulos de libros, figura entre o persoal científico máis citado en España na área de Farmacoloxía. Ademais dirixiu nove contratos de investigación de especial relevancia coa industria farmacéutica e participou en invencións obxecto de 12 patentes internacionais, todas elas licenciadas, e das que seis deron lugar á creación da División Nanosystems da empresa Advanced In Vitro Cell, S.A. (Advancell).
É membro do comité editorial das oito revistas internacionais máis prestixiosas no campo da Tecnoloxía Farmacéutica e dos Sistemas de Liberación de Fármacos. Ademais, foi fundadora e presidenta da Sociedade Hispano-Portuguesa de Liberación Controlada e liderou, por iniciativa da Sociedade Europea para a Ciencia, grupos de traballo sobre nanomedicina e a división de educación e comunicación da Plataforma Tecnolóxica Española de Nanomedicina. Tamén participou na coordinación de diversas asociacións (Controlled Release Society, CRS, Inc.), redes (rede española de sistemas de liberación de fármacos, red Galenos-Marie Curie) e programas (Consolider Nanobiomed).
Por último, destaca a súa implicación actual no programa “Social and Ethical Issues- Grand Challenges in Global Health- Bill and Melinda Gates Foundation” e a súa participación como asesora do Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia.

The contents of this page were updated on 04.27.2010.