Skip to main content

O reitor da USC participa no sétimo Congreso Internacional de Educación Superior 'Universidad 2010'

O reitor da USC asiste esta semana en Cuba ao sétimo Congreso Internacional de Educación Superior ‘Universidad 2010’ que se celebra ata o próximo venres 12 na Habana. Co lema ‘A universidade por un mundo mellor’ o encontro tentará ofrecer solucións ao “problema da educación superior para todos, con calidade e pertinencia ao longo da vida”.
Dende a primeira edición celebrada en 1998, o congreso tense constituído como un espazo reflexivo, profundo, comprometido e plural, orientado á discusión dos máis variados temas vinculados á axenda internacional sobre educación superior. Na última edición celebrada ata o momento, en 2008, participaron máis de 3.500 delegados de 62 países.
Entre os temas centrais do programa previsto para estes días, os participantes debaterán sobre o compromiso social das universidades e o seu papel no desenvolvemento sostible, desafío e alternativas actuais do acceso e o financiamento na educación superior, pertinencia e impacto da educación de posgrao no desenvolvemento da sociedade ou paradigmas actuais da pedagoxía e a didáctica universitarias. Tamén se prestará atención ao papel da ciencia, a tecnoloxía e innovación na construción de sociedades máis xustas e inclusivas; a internacionalización da educación superior para a integración ou retos e perspectivas do proceso de formación de profesionais universitarios.

The contents of this page were updated on 02.09.2010.