A Asociación de Constitucionalistas de España solidarízase con Roberto Blanco
A Asociación de Constitucionalistas de España (ACE) acordou por unanimidade na súa asemblea deste mes de febreiro solidarizarse co profesor da USC Roberto Blanco Valdés á vez que reproba os feitos acaecidos no seu domicilio, onde estourou un artefacto. Para deixar constancia do seu rexeitamente a ese acto violento dirixíronse directamente ao profesor Blanco nun escrito:
“Impresionados pola noticia que limos sobre a colocación dunha bomba caseira no teu domicilio, querido Roberto, a Asemblea Xeral da Asociación de Constitucionalistas de España (ACE), da que son socios profesores de moi diversas ideoloxías e sensibilidades, quere facerche chegar o noso apoio máis decidido nestes momentos, e manifestar a nosa posición sobre estes feitos ante a opinión pública. Nun Estado democrático, cada vez que se coacciona a liberdade de expresión mediante ameazas, como fixeron contigo, suprímese a liberdade de todos nós. O contido da mensaxe que trata de amputarse debe ser indiferente. Todas as ideas e opinións teñen cabida nunha sociedade aberta, ata as máis chocantes, menos a violencia de calquera tipo e grao. O condenable é a vontade de exclusión do diálogo a través de intimidacións e a falla de respecto ás persoas e aos seus dereitos fundamentais, empregando a forza. As ideas só poden combaterse con outras ideas.
Recibimos escritos no mesmo sentido das Asociacións Francesa e Italiana de Dereito Constitucional, da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración, do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, da Asociación de Letrados de Cortes e de numerosos departamentos e universidades”.