A USC e a CEL asinan un acordo de colaboración para a realización das prácticas do Máster en Dirección de Empresas
A USC e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto establecer a colaboración entre as dúas partes de cara a unha axeitada programación e desenvolvemento das prácticas tuteladas do alumnado do Máster Oficial en Dirección de Empresas (MAB), que se imparte dende este curso académico en Lugo baixo a coordinación da profesora Belén Bande Vilela, nas dependencias das empresas asociadas á CEL.
Este máster, que se imparte de xeito simultáneo no campus de Santiago, trátase do primeiro MBA en Galicia de carácter público e permite obter unha titulación oficialmente recoñecida a nivel europeo e adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
O obxectivo deste máster oficial é que os estudantes adquiran coñecementos avanzados en dirección de empresas así como a capacidade de aplicalos, á vez que desenvolven habilidades directivas. Todo isto mediante unha metodoloxía participativa, de análise de casos, resolución de exercicios, debates sobre lecturas de interese e desenvolvemento e presentación de traballos.
Ao curso asisten titulados en Administración e Dirección de Empresas, Economía, Enxeñaría e Dereito, así como graduados doutras titulacións que queren desenvolver a súa carreira profesional no mundo empresarial, e profesionais vinculados ao ámbito da dirección de empresas que desexan actualizar os seus coñecementos e mellorar as súas competencias.
O programa do curso está orientado a numerosas saídas profesionais, entre outras a dirección de empresas, planificación e dirección estratéxica, organización de empresas, dirección nas distintas áreas funcionais, xestión de operacións, consultora, asesoramento ou creación de empresarial.