As clases de Grao e Máster do vindeiro curso comezarán o 13 de setembro
O Consello de Goberno da USC aprobou na súa última xuntanza o novo calendario académico para o curso 2010-2011, segundo o que as clases dos estudos oficiais de grao e máster comezarán o 13 de setembro. Deste xeito, o primeiro cuadrimestre estenderase ata o 27 de xaneiro, mentres que o segundo irá do 31 dese mesmo mes ata o 3 de xuño. Ademais, como xa acontecía cos títulos xa adaptados ao EEES, a antiga convocatoria de setembro pasa a celebrarase no mes de xullo, concretamente na primeira quincena.
Para as titulacións non adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, as clases desenvolveranse entre o 1 de outubro e o 27 de xaneiro e entre o 23 de febreiro e o 7 de xuño. Neste caso, manterase a convocatoria de setembro para examinarse.
Outros asuntosNa mesma reunión deuse o visto bo á proposta de creación e regulamento dos centros singulares de investigación CIMUS e CIQUS, a un informe coas titulacións do EEES e aos criterios para a continuidade de másteres universitarios. En materia de docencia, o Consello de Goberno estudou a asignación de docencia nas titulacións adaptadas ao EEES, a capacidade e necesidades lectivas e de titorías do vindeiro curso e a Planificación Académica Anual.
Completouse a sesión cos regulamentos de réxime interno de Criminoloxía e Bioloxía, a modificación da normativa de funcionamento do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación continua e a proposta de crear dúas comisións no máster universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, formación profesional e ensino de linguas.