Skip to main content

Familias rurais galegas presentan os seus produtos no Fórum Gastronómico

A presenza en Amio de granxafamiliar.com, proxecto xurdido na USC, facilitará o contacto directo de importadores de produtos agrarios ecolóxicos coas familias produtoras

As 24 familias rurais de vinte municipios galegos que participan no proxecto granxafamiliar.com de comercialización de produtos agrarios sen intermediarios disporán do seu espazo propio no Fórum Gastronómico para mostrar a súa variada produción.
Será este domingo, 21 de febreiro, a partir das 13:00 horas no Salón Picadillo do Recinto Ferial de Amio, cando se poidan degustar produtos tan diversos como carne de Chantada, queixo de cabra do Xurés, viños albariños das Neves ou mencías da Ribeira Sacra, hortalizas de Coristanco e Ponteceso, mel das montañas de Lalín e cremas e confeituras de castaña do Courel. O taller conducirao o xornalista gastronómico Miguel Vila e contará co traballo de cociña do Chef do restaurante Acio de Compostela.
Aproveitarase para ofrecer información detallada sobre os produtos ecolóxicos de granxafamiliar, as súas características, proceso de produción e sistemas de comercialización directa de produtor a consumidor. Por outra banda, será esa tamén a mellor oportunidade para facilitar o contacto directo dos importadores de produtos agrarios ecolóxicos de Alemaña e Polonia coas familias produtoras.
Granxafamiliar.comGranxafamiliar.com, sistema de xestión de información para a comercialización de produtos agrarios de orixe familiar, desenvólveno conxuntamente o Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da USC (gist-Idega) xunto coa Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF). A iniciativa, que leva varios anos funcionando con éxito, pretende impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural do medio rural galego a través dunha comunidade virtual que establece transaccións comerciais sen intermediarios entre as familias produtoras e os potenciais compradores urbanos.
O grupo da USC que coordina o profesor Carlos Ferrás, presidente á vez de ADAF, puxo hai uns anos en marcha o web granxafamiliar.com no que se define e presenta a produción agraria familiar e tradicional de Galicia, mostrando contidos de museos virtuais que permiten observar aspectos relevantes da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio do medio rural galego.
Unha visión alternativa“Buscamos o impulso e definición dunha visión cultural alternativa do mundo rural galego diante da mirada dos consumidores que viven nas cidades, e dos turistas, viaxeiros e visitantes que chegan a Galicia”, explica Ferrás. O obxectivo é crear redes sociais entre a cidade e o campo impulsando a definición dunha imaxe de marca asociada ao concepto dunha Galicia Auténtica, descoñecida, e mostrando todos os aspectos que a caracterizan como pobo orixinal e diferente no contexto español e europeo.
En definitiva, a partir dunha estratexia de márketing territorial en liña “buscamos chamar a atención, impulsar e incentivar a mirada dos outros sobre a nosa idiosincrasia e referentes etnográficos”, asegura o coordinador do proxecto, que conta coa colaboración da USC, Caixa Galicia, Cáritas e os Concellos de Brión, Lalín e Antas do Ulla.

The contents of this page were updated on 02.19.2010.