Skip to main content

O Trío D'Anches ofrece en Lugo un concerto enmarcado no ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'

O Trío D’Anches ofrecerá este luns 22 ás 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia de Lugo o segundo concerto do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’ que se desenvolverá na cidade ata o vindeiro 13 de decembro.
Os integrantes desta formación, Nuria Cabezas (óboe), Paloma Martín (clarinete) e Adolfo Cabrerizo (fagot), interpretarán as pezas Divertimento núm.1 para clarinete, óboe e fagot de Wolfgang Amadeus Mozart, Catro madrigais para óboe, clarinete e fagot de Bohuslav Martinu, Sonatina para óboe, clarinete e fagot de Sándor Veress e Trío para óboe, clarinete e fagot de Héitor Villa-Lobos.
O Trío D’Anches, creado no ano 2008, está dirixido polo profesor Hansjörg Schellenberger, xefe do Departamento de Ventos do Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid. Os seus tres integrantes son alumnos da Escola Superior de Música Reina Sofía, nas súas respectivas cátedras de instrumento.
O programa do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado por Lugo Cultural, continuará o día 1 de marzo cun recital de guitarra clásica a cargo de Ignacio Rueda; o 12 de abril, cun concerto de corda do Cuarteto Álbeniz Prosegur; o 10 de xuño, coa actuación da Orquestra Rogelio Groba; e rematará o 13 de decembro coa presentación do novo disco do coro Solo Voces, un traballo que dedican integramente á cidade de Lugo facendo unha panorámica da música vocal composta na provincia nos dous últimos séculos. Todos os concertos deste ciclo teñen entrada gratuíta.

The contents of this page were updated on 02.19.2010.