Skip to main content

O gañador do III Premio Fonseca dáse a coñecer este martes na USC

O xurado do III Premio Fonseca reúnese en Santiago este martes 6 a partir das 11:00 horas para decidir o gañador dun galardón internacional que recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia e que nas dúas anteriores edicións se lle concedeu a Stephen Hawking e James Lovelock.
O ditame farase público aos medios de comunicación logo da xuntanza, sobre as 11:30 horas, no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
O xurado desta terceira edición está formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director do Instituto de Medicina Xenómica e Premio Jaume I de Investigación Médica, o catedrático da USC Ángel Carracedo; o director do programa Banda Ancha da Radio galega e da revista Código Cero, Xosé María Fernández Tazos; a profesora da Universidade Politécnica de Cataluña e directora do Programa Nacional ‘Ciencia en Acción’, Rosa María Ros Ferré; e o director técnico da Casa das Ciencias da Coruña, Marcos Pérez Maldonado.
Premio FonsecaO Premio Fonseca, convocado polo Consorcio de Santiago e a Universidade compostelá, leva o nome dun dos fundadores da USC, persoeiro de capital importancia na conformación de Santiago como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade.
As persoas candidatas deben ser acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica cara ao público en xeral ben coa utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación ou ben a través de métodos ou medios innovadores. Tamén poderá ser obxecto de recoñecemento quen que coa súa actividade supoña un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e/ou o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.

The contents of this page were updated on 04.05.2010.