Expertos en veterinaria analizarán en Lugo os problemas de mobilidade nos animais
Representantes da empresa de nutrición animal ‘Hill’s’ impartirán este xoves 8 ás 19:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria de Lugo unha conferencia sobre a mobilidade animal. A xerente territorial de ‘Hill’s Pet Nutrition España’, Paula Ferro, e o xerente de asuntos veterinarios, Juan Carlos Giménez, falarán sobre a alimentación e os tratamentos máis axeitados para as mascotas que sofren problemas no seu sistema motor motivados por diferentes causas.
Esta conferencia enmárcase dentro do ciclo ‘Compromiso das empresas coa formación do veterinario’ que se está a desenvolver este ano académico na facultade luguesa dentro do programa de actividades para celebrar o seu 25 aniversario.
As xornadas, que rematarán o vindeiro día 15 cun relatorio sobre a anestesia nos pequenos animais, contaron coa participación dunha vintena de profesionais de empresas veterinarias, que abordaron diversas temáticas relacionadas coa saúde animal e mesmo explicaron cómo debe preparar a súa primeira entrevista de traballo un profesional do sector.