Skip to main content

A USC e a xaponesa de Tenri fomentan o intercambio dos seus estudantes

Máximo Plo e Lanzada Calatayud cos membros da comitiva xaponesa
Máximo Plo e Lanzada Calatayud cos membros da comitiva xaponesa

Representantes da Universidade xaponesa de Tenri atópanse estes días en Santiago para coñecer de primeira man a USC, institución coa que colabora dende hai case unha década intercambiando os seus estudantes. O vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior da USC, Máximo Pló, e a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, recibiron esta semana en vista oficial ao decano do Departamento de Estudos Hispánicos de Tenri (Nara, Xapón), Joji Hatsutani, e ao responsable do programa de Lingua e cultura española para estudantes que xestiona a Oficina de Cursos Internacionais da a USC, Tadadashi Yamamoto.
Precisamente o intercambio de estudantes que comezou a facerse efectivo en 2003 foi un dos asuntos abordados na xuntanza, concretamente a busca de canles que favorezan o fluxo dos alumnos galegos a Xapón toda vez que mentres que o número de xaponeses que chegan á USC experimentou un aumento paulatino, o de estudantes que envía a USC a Tenri non crece na mesma medida.
No que respecta á formación, desde 2006 a Universidade de Tenri organiza un curso de tres semanas de duración para os estudantes que desexan seguir un programa intensivo de inmersión de lingua e cultura española. Ademais do programa académico que se imparte diariamente en horario de mañá, os alumnos participan nun variado programa cultural que se desenvolve nas instalacións da USC e na zona histórica de Compostela, e que comprende actividades como obradoiros de música e baile tradicionais galegos, visitas guiadas ao Patrimonio da USC e da cidade, percorridos gastronómicos ou excursións ás Rías Baixas, entre outras.
Todos os estudantes deste programa alóxanse con familias da cidade, o que enriquece o seu achegamento á lingua e modo de vida da nosa comunidade.

The contents of this page were updated on 02.23.2010.