Flamenco e jazz, protagonistas do novo concerto do ciclo 'Músicas na vidreira'
Alumnos da Escola de Música Fábrica de Sons serán os protagonistas do cuarto concerto do ciclo ‘Músicas na vidreira’, que terá lugar este luns 12 ás 14:00 horas na vidreira da Facultade de Veterinaria de Lugo. Neste recital escoitaranse pezas contemporáneas que combinan o jazz e o flamenco.
O ciclo ‘Músicas na vidreira’, organizado por Lugo Cultural, naceu este curso co obxectivo de complementar a oferta da programación de música clásica de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ao tempo que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, poden ofrecer actuacións musicais duns trinta minutos de duración os luns aos mediodías na vidreira de Veterinaria.
Nesta actividade participan o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons.