Inaugurouse en Santiago e Lugo o Máster Universitario que substitúe ao CAP

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, inaugurou este luns en Compostela o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, que substitúe ao antigo CAP e no que están matriculados máis de douscentos estudantes.
A apertura en Santiago tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte nun acto no que interviñeron ademais o decano do centro, Lois Ferradás, e o coordinador do título oficial, o profesor Xulio Rodríguez. O catedrático da Universidade da Coruña Xurxo Torres pronunciou a continuación unha conferencia tras a que tivo lugar a proxección da película ‘La clase’.
Paralelamente celebrábase en Lugo o mesmo acto, esta vez na Escola Universitaria de Formación do Profesorado e coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o director da Escola Universitaria de Formación do Profesorado, Modesto Rodríguez; e o coordinador do máster no Campus de Lugo, Rufino González.
ItinerariosEn Compostela impártense nove grupos dos itinerarios de Matemáticas; Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Filosofía; Lingua e Literatura Galega e Lingua e Literatura Castelá; Cultura e Linguas Clásicas; Música; Orientación Educativa; Ciencias Experimentais; e Linguas Estranxeiras.
Xa no Campus de Lugo ofértanse os itinerarios Sector Primario e Secundario (especialidade de Formación Profesional); Ciencias Experimentais e Linguas Estranxeiras.