Skip to main content

O catedrático de Psiquiatría Miguel Casas inaugura no Salón Nobre o vixésimo aniversario de Proxecto Home Galicia

Á apertura asiste o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo

O prestixioso catedrático de Psiquiatría da Autónoma de Barcelona, Miguel Casas Grugé, inaugura este mércores 20, ás 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, os actos conmemorativos do XX aniversario de Proxecto Home Galicia. A esta apertura asiste o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e a vicerreitora de Calidade da USC, Dolores Álvarez, en representación do reitor.
A conferencia coa que se dará saída ao programa de actividades leva por título ‘A trimorbilidade entre Trastorno por Déficit de Atención (TDAH), Trastorno Límite de Personalidade (TLP) e Trastorno por Uso de Substancias (TUS) como patoloxía emerxente especialmente disrrutiva’.
Miguel Casas, xefe do Servizo de Psiquiatría do Vall d’Hebrón e presidente do Consello Asesor de Saúde Mental e Adicións da Generalitat, será así o encargado de dar comezo ás múltiples actividades culturais e académicas cos que Proxecto Home celebra os seus 20 anos de funcionamento en Galicia.
A Casas seguiralle o 26 de xaneiro o xuíz Baltasar Garzón, o 27 o psicólogo e criminólogo Vicente Garrido, o catedrático da USC Jorge Sobral o 3 de febreiro, e o catedrático belga de Educación Especial Eric Brokaert o 5 dese mesmo mes.
Arte e solidariedadePor outra banda, este venres 22 inaugurarase na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos a IV exposición ‘Arte e Solidariedade’, que permanecerá en Santiago ata o 7 de febreiro para percorrer logo as principais cidades galegas. A mostra, na que participan máis de cen artistas galegos, está comisariada pola catedrática de Arte Moderno da USC, Marisa Sobrino.

The contents of this page were updated on 01.19.2010.